Primeiras pisadas á obra finalizada do Museo de Galicia

A Cidade da Cultura conta cun novo atractivo: o Museo de Galicia, edificio chamado a ser un referente arquitectónico do século XXI. Contemplar a espectacularidade da súa fachada, os case 43 metros de altura e os seus máis de 16.000 metros cadrados de superficie será posible a partir do día 2 de novembro grazas á posta en marcha do Programa de visitas guiadas á obra finalizada do Museo. As visitas, que serán de balde, terán lugar todos os días (excepto o luns) en dúas quendas: 12 e 18. Para participar será necesario reservar praza na web, xa que cada grupo estará limitado a 20 persoas.

As primeiras pisadas virán da man dos seareiros da Cidade da Cultura no Facebook. O luns 31 de outubro pola tarde e o festivo martes 1 de novembro pola mañá e pola tarde organizaranse visitas de grupos compostos por persoas que sexan ou se fagan seguidores en Facebook, onde se recolle toda a información para participar nestas quendas ‘exclusivas’.

Cunha superficie expositiva de 6.600 metros cadrados dividida en tres plantas, o Museo acollerá exposicións temporais de fondo calado que pola súa envergadura non poderían exhibirse noutros centros culturais galegos. A súa primeira exposición, Gallaecia Petrea, inaugurarase na primavera de 2012 e será unha das mostras máis ambiciosas organizadas en Galicia. Mentres se prepara, o propio edificio será o obxecto de exhibición, co obxectivo de darlle a coñecer ao público a excelencia e a beleza desta nova infraestrutura arquitectónica, que vai potenciar o atractivo cultural e turístico do complexo deseñado por Peter Eisenman.

Por tratarse de visitas á obra finalizada do edificio, a ruta realizarase en todo momento con casco e é aconsellable levar calzado cómodo. Os inscritos deberán presentarse no punto de saída (Espazo On) un cuarto de hora antes de comezar a visita e presentar impreso o comprobante da confirmación de reserva.

Visitas e Accións divulgativas
Santiago de Compostela, 24 de Outubro de 2011