Incunables contemporáneos dun impresor particular

Unha viaxe de séculos dende a invención da imprenta por Gutenberg ata a edición dixital a través dunha historia única e persoal: a de Francisco Barros Cascalhar, máis coñecido como Chankecham, zapateiro de profesión e escritor de vocación que a partir dunha antiga prensa para a elaboración do viño publicou a súa obra. Este é o fío condutor de Do it yourself! Os incunables contemporáneos dun impresor particular, exposición coa que a Cidade da Cultura presenta un legado de valor incalculable que custodia a Biblioteca de Galicia xunto con outros centros como a Biblioteca Vaticana ou as nacionais de España, Francia e Portugal ás que Chankecham enviou os seus exemplares, consciente das pezas únicas que supoñen.

Chankecham foi quen de conseguir compor, estampar e encadernar máis de 200 exemplares de nove incunables que poden contemplarse no Arquivo de Galicia: No Jardim das Pedras, O Livro dos samarúas, O Laio de Tantotem, Galitopía, Cantigas de Escarnho, O Fantasminha Camarada, Requiem por um Sonho nom Nato, O Livro do Desespero, e Viage ao Fim dos Tempos.

A imprenta e o tórculo, os instrumentos de tipografía, os tipos, as matrices de gravado, alfabetos e mesmo o vestiario forman parte de Do it yourself! Os incunables contemporáneos dun impresor particular, unha exposición que se complementa con catro libros dixitais e un vídeo documental realizado por Simón Vázquez titulado “Chamkecham, impresor de incunables”.

Unha historia concreta que nos permitirá viaxar polo universal a través da figura e da perspectiva de Chankecham, polos valores que transmite, pola súa capacidade de superarse e, en definitiva, polo amor aos libros e á literatura.

De forma paralela á exposición, nos primeiros días de maio, un obradoiro de autoedición dirixido polo artista Federico Guzmán e titulado “Candura & Coraxe” porá en funcionamento por derradeira ocasión a imprenta inventada por este fabuloso e escondido artista impresor.

Exposicións
Santiago de Compostela, 28 de Marzo de 2012