A Cidade da Cultura convídavos a un aperitivo cultural un sábado ao mes. Será a través de Nexos, o ciclo de cultura contemporánea que establece un diálogo entre diversas áreas do coñecemento en sesións que combinan relatorios con actuacións artísticas.
Nexos 2015 recupera vellos sinais de identidade como a súa celebración na Biblioteca e Arquivo de Galicia e o convite a un viño posterior ás sesións.
Nexos 2015 abrirá cunha sesión dedicada a María Zambrano para continuar cunha xornada na que se abordará a imaxinación de arquitectos e urbanistas, outra sobre as vangardas e a arte contemporánea e, finalmente, a relación entre literatura e gastronomía coa gran dama da literatura negra actual: Donna Leon.
Como todos os anos, Nexos terá unha sesión paralela para os máis pequenos –de 5 a 12 anos- basada na triple fórmula: ler (na que os nenos farán unha aproximación ao tema a través dunha lectura colectiva ou contacontos), facer (actividades lúdicas nas que aprender divertíndose) e falar (extracción de conclusións, debate e intercambio de ideas).
María Zambrano no Día da Poesía
Nexos arrancará o vindeiro 21 de marzo, Día Internacional da Poesía, lembrando á meirande intelectual española do século XX: a filósofa María Zambrano. Co concepto da “razón poética”, Zambrano acuñou unha liña de pensamento que buscaba trascender os estreitos límites do racionalismo para abrirse ao enigmático, misterioso e sagrado da condición humana.
A sesión contará co relatorio de Ana Bundgaard, hispanista e catedrática da Universidade de Aarhus (Dinamarca), unha das maiores autoridades mundiais na vida e obra de Zambrano. Tras as súas palabras, terá lugar un concerto de guitarra clásica a cargo de Samuel Diz.
A entrada é de balde mais é preciso inscribirse previamente.

