Viaxes e literatura, en 'Galicia, de Nós a nós'

Sabías que o galego foi a primeira lingua da Península Ibérica na que puideron lerse as verbas do Ulises de James Joyce, grazas á tradución duns fragmentos que Otero Pedrayo publicou na revista Nós en 1926, só catro anos despois da primeira edición en Irlanda desta obra mestra da literatura universal?

Relátanos esta e moitas outras historias Olivia Rodríguez González na súa visita guiada sobre Viaxes e literatura na exposición Galicia, de Nós a nós. Dálle ao play ▶️ para comezar este percorrido no que afondar no sentir dunha xeración que podemos resumir nas palabras de Vicente Risco, ben acaídas para esta pequena viaxe: «(...) Galicia é un mundo (...) Poderala andar en pouco tempo do norte para o sur. Do leste para o oeste noutro tanto. Poderala andar outra vez, mais non a has de dar andada. Se o teu pensar se detén na codia das cousas non digas tampouco “Galicia é ben pequena”. Es ti, que endexamais poderás concibir nada grande».

E se queres descubrir outros relatos e outras olladas desta exposición imprescindible, podes mergullarte nas demais visitas-relatorio do ciclo Arredor de Nós, nas que grandes expertos e expertas están a debullar diferentes aspectos da exposición. Podes ver xa as da comisaria e comisario, Ana Acuña Trabazo e Afonso Vázquez-Monxardín na nosa canle do youtube. Só tes que premer nas ligazóns: 

▶️Teatro, cine, radio e música na revista Nós, por Ana Acuña Trabazo, comisaria.

▶️ Un percorrido polas claves de Nós, por Afonso Vázquez-Monxardín Fernández, comisario.

▶️ Nós. Viaxes e literatura, por Olivia Rodríguez González, doutora en Filoloxía e profesora na UDC.

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 23 de Novembro de 2020