'Os afogados' polo fascismo | As miradas de Isaac

Na exposición As miradas de Isaac no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura exhíbese unha obra pintada por Díaz Pardo en 1946 e que conmove profundamente: Os afogados . Nela transmítese cunha extraordinaria forza expresiva a traxedia da morte. Mais, aínda que o cadro ten por título Os afogados e recolle varios elementos claramente mariños, o título ben podería ter sido Os fusilados, xa que se trata dunha metáfora das persoas asasinadas nas cunetas polos fascistas nos primeiros días do golpe de Estado de 1936. 

Xunto a O discurso tamén exposta nesta mostra homenaxe ao poliédrico creador galego supoñen as dúas primeiras obras de consciencia política de Díaz Pardo, quen neste cadro o que realmente quería representar era un mitin. Ambos os dous títulos resultaban imposibles nunha sociedade amedentrada  polo xugo da ditadura franquista.

Hai que lembrar ao respecto, o dato importante e tráxico de que o pai de Díaz Pardo, o escenógrafo Camilo Díaz Baliño, foi fusilado nos primeiros días do 36.  Tanto o drama da Guerra Civil como a pintura que el contempla no Museo do Prado na súa época de estudante en Madrid  están moi presentes en Os afogados. Así, a composición clásica do cadro leva directamente a Los fusilamentos del 3 de mayo de Goya.  Ademais, Díaz Pardo súmase coa composición pictórica e tamén coa temática ás representacións de denuncia dos actos atroces do fascismo, como as de Castelao nos álbums Galicia Mártir e Atila en Galicia, con A derradeira leición do mestre como imaxe icónica.

Díaz Pardo deixou a pintura xusto cando empezaba a ser un artista recoñecido dentro e fóra do país, porque tal e como el mesmo recoñeceu non se sentía cómodo pintando para a burguesía da época, mais este abandono fíxoo tras crear obras tan extraordinarias e de tan profundo dramatismo como esta, un lenzo no que é imposible non imaxinar a súa propia dor pola tráxica morte do pai e pola de tantos outros asasinados coma Díaz Baliño nas cunetas nese verán de terror de 1936.

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 25 de Xaneiro de 2021