Cultura e Empresa: Unión de futuro

Unir empresa e cultura. Con este obxectivo, a Cidade da Cultura de Galicia pon en marcha o Encontro Internacional Economía e Cultura, que terá lugar o 16 e 17 de febreiro de 2012 no complexo do Gaiás. Dúas xornadas que servirán para crear un espazo de encontro e colaboración entre estes dous sectores estratéxicos e afianzar unha unión que resulta clave nuns tempos especialmente difíciles e ante uns mercados cada vez máis esixentes.

Este encontro intersectorial contará con dúas vertentes para estreitar lazos: a presentación de iniciativas de diferentes países que mostren os beneficios de aunar sinerxias e a organización de encontros empresariais, onde axentes de ambos os dous sectores poidan xuntar forzas ao redor dun proxecto. Así, a Cidade da Cultura acollerá iniciativas como a Royal Academy of Arts, institución artística do Reino Unido que se autofinancia a través de exposicións, doazóns e aportacións de capital privado sen necesidade de recorrer a fondos públicos; ou Enthusiasmo Cultural, axencia brasileira especializada en deseñar estratexias para a economía creativa, a cultura e o desenvolvemento e que ten entre os seus clientes gobernos, grandes empresas como BMW ou Nestlé e organismos como a Unesco. Galicia tamén estará moi presente no Encontro a través de firmas como Genesal, empresa do ámbito da maquinaria que está reformulando a súa cultura empresarial e a súa política de internacionalización a través do deseño.

Xunto coa presentación de casos de éxito, o programa inclúe a celebración de varios espazos de encontro empresarial, onde axentes de ambos os dous sectores poidan estreitar lazos e presentar proxectos para os que se están a buscar socios ou patrocinadores. As empresas ou persoas que estean interesados en dar a coñecer a súa iniciativa neste foro só teñen que envialo ao correo economiaecultura@cidadedacultura.org ata o 30 de xaneiro e cumprir cos requisitos que aparecen na web. Os elixidos serán dados a coñecer en www.cidadedacultura.org o vindeiro 6 de febreiro.

E como “Se é cultura, está en Culturgal”, o Encontro Internacional Economía e Cultura estará presente na Feira de Industrias Culturais que se celebra o 2,3 e 4 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra da man de Nova Xestión Cultural, empresa colaboradora na organización deste evento.

Este Encontro Internacional de Economía e Cultura terá un aforo limitado de 75 prazas. Para inscribirse só é necesario cubrir o formulario de inscrición dispoñible en www.cidadedacultura.org antes do 30 de xaneiro. O prezo da matrícula son 70 euros.

Santiago de Compostela, 30 de Novembro de 2011