A provocadora ‘Santa’ de Asorey | Galicia, un relato no mundo

A Santa de Francisco Asorey é unha das obras máis relevantes da arte galega, aínda que non das máis coñecidas. Despois de preto de 70 anos no Uruguai, esta potente e provocadora representación dunha labrega galega, espida e portando un xugo de vacas, poderá verse no Museo Centro Gaiás na exposición Galicia, un relato no mundo.  

Nunha entrevista á prensa en 1956, Asorey consideraría esta escultura como a obra da que se atopaba “máis satisfeito”. Cando o cambadés a presentou por primeira vez, na Exposición Nacional de Bellas Artes no Madrid de 1926, rachou coas convencións estéticas e coa corrección política do seu tempo, e provocou un gran debate que saltou aos xornais e incluso escandalizou a unha raíña.

Asorey levaría a primeira medalla da exposición con outra obra, San Francisco, mentres a Santa provocaba gran sorpresa e causaba un amplo debate arredor da súa representación do corpo da muller, tan afastada da figura idealizada á que estaban afeitas todas as olladas, e tamén arredor da súa lectura política, xa que se entendeu como un símbolo da situación da Galicia do momento.

Provocadora e subversiva

“Debía representarse así o corpo dunha muller? Era ‘estético’? Ao observar as obras premiadas na Exposición Nacional de Belas Artes dese ano un decátase de como esta obra foi un 'lapote' nos ollos e nas conciencias”. Así o explica o comisario de Galicia, un relato no mundo, Manuel Gago, que se refire a esta escultura como “unha obra do seu tempo, simbolista, pero ao tempo moi subversiva: esas deusas lánguidas da época convertíanse aquí nunha muller labrega e humilde que exhibía o seu corpo espido, curtido e, penso eu, embelecido polo tempo e os traballos”.

Relata tamén a historia Maribel Iglesias Baldonedo no seu libro Francisco Asorey, escultor gallego,  explicando como a sociedade madrileña da época non estaba afeita á dureza destas imaxes. Faise eco a investigadora dunha anécdota que conta que a raíña Victoria Eugenia, que co seu home Alfonso XIII inauguraba as Exposicións Nacionais de Belas Artes, se escandalizou ao ver a escultura. “Polo nú da figura? Seguramente non. A exposición estaba chea de mulleres núas pero nada como esta obra. Un realismo brutal amosáballe á raíña algo que descoñecía: a vida de traballo das mulleres galegas que coidan a casa, crían os fillos, traballan as terras e sosteñen a casa cando o home emigra (…). Pareceulle subversiva, dixo que debería ser prohibida. Enterado do comentario, Asorey renuncia a facerlle un retrato á raíña que tiña encargado había anos”.

Unha ollada de plena actualidade

A obra sería cualificada na prensa da época como “dun realismo cru, brutal”; “dunha orixinalidade, atrevemento e beleza que só un artista de excepcionais facultades pode concibir e executar”, ou “a obra máis orixinal, máis dotada de virtualidade estética e de resistente valía que hai na Exposición Nacional”. No outro extremo, o mesmo Valle Inclán, nunha entrevista na Revista de Arte Gallego en 1930, descualificaría a obra chamándoa “grotesca” e a Asorey tachándoo de “imaginero malo”.

“Que é Santa? É a muller labrega sufridora? É unha muller erguida? É un animal que malia estar preso por un xugo non baixa nunca a cabeza? É unha metáfora da propia Galicia serva? Canto ten de nai e señora, canto de escrava?” Son algunhas das preguntas que lanza o comisario da mostra ao fío da polémica que espertou na sociedade de comezos do XX, e que aínda hoxe segue de pura actualidade.  

"Santa é a Verdade”, responde Gago, “ é a arte dialogando coa moral, a sociedade e a política, onte e hoxe” A obra foi adquirida pola Casa de Galicia de Montevideo (Uruguai) e partiu de Vigo para América en 1951, sendo testemuña imprescindible do valioso e amplo patrimonio cultural galego do século XX preservado nos centros e sociedades galegas de América.

En Galicia tras 70 anos na diáspora

A partir do 14 de novembro e ata o 12 de abril de 2020 poderemos vela de novo ‘aquén-mar’ despois de 70 anos na diáspora, como unha das pezas centrais de Galicia, un relato no mundo, a primeira das exposicións internacionais do Xacobeo 21 e unha oportunidade única para ver reunidas obras senlleiras da cultura galega espalladas en distintos recantos do mundo.

Santiago de Compostela, 10 de Outubro de 2019