Redeiras da igualdade | Día da Muller

O traballo das redeiras [das máis de 800 que hai en España, 700 son galegas] é imprescindible para que os barcos poidan faenar, mais non foi ata 2009 cando conseguiu ser recoñecido como unha actividade profesional! E foi grazas á loita destas mulleres, que ata non hai moito viñan realizando os seus labores no porto, no propio peirao e á intemperie.

Durante moito tempo o labor deste colectivo de profesionais que conforma as redeiras resultaba descoñecido para moita xente, pouco visible e minusvalorado; na actualidade empézase a recoñecer o seu importante labor grazas á loita das propias redeiras pola defensa dos seus dereitos e intereses.

Precisamente, grazas a esta loita deste colectivo conseguiuse que 2009 se establecese esta actividade dentro da Familia Profesional Marítimo Pesqueira, co correspondente certificado de profesionalidade que recolle a “actividade de confección e mantemento de artes e aparellos”.

O OFICIO DE REDEIRA

Os barcos que chegan a porto descargan as redes deterioradas e recollen aquelas que xa foran reparadas para volver faenar. Sen a actividade das redeiras os labores da pesca non se poderían levar a cabo. Ademais, representa unha das señas culturais de Galicia, que non é outra que a actividade relacionada co mar.

A xornada laboral é de oito horas, normalmente de 9 a 13:00 e de 15 a 19:00, se ben, en moitas ocasións, teñen que traballar ata a completa reparación das redes para que o barco poida saír faenar e evitar a perda de ingresos dos mariñeiros. Cada tipo de rede ten un modo de confección diferente e estas artesás son capaces de dominar todas as técnicas para a confección, montaxe de artes e aparellos de pesca, a súa modificación e a súa reparación ou mantemento. Traballan con redes de aceiro e artes menores como “miños”, “vetas”, “trasmallos”, “volantas” ou “boliches”.

Tradicionalmente viñan realizando os seus labores no porto, no propio peirao e á intemperie. Hoxe, na maior parte dos portos onde traballan, dispoñen de naves onde poder desenvolver nunhas mínimas condicións de habitabilidade o seu labor profesional.

Redeiras. Unha profesión con historia

Todo iso pónse de manifesto no Museo Gaiás de «Redeiras. Unha profesión con historia», exposición fotográfica da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade, para darlle visibilidade a este oficio fundamental para que as tarefas da pesca se poidan levar adiante e que forma parte da programación da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura de Galicia co gallo da celebración do Día da Muller.

Achégate a ver polo miúdo como é o seu traballo —desempeñado de modo artesanal e transmitido de xeración a xeración de xeito oral— nas fotografías realizadas por Xela Rodríguez e Rolando López Pérez. Aberta ata o 12 de abril.

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 06 de Marzo de 2020