O Edificio Fontán da Cidade da Cultura, candidato ao premio Mies van der Rohe

Fontán é un dos edificios seleccionados para optar ao Premio de Arquitectura Contemporánea da Unión Europea Mies van der Rohe, o galardón de arquitectura contemporánea máis destacado da UE.

Ao EUmiesAward, que concede a Comisión Europea e a Fundación Mies van der Rohe, concorren en 2024 un total de 362 obras arquitectónicas de 38 países europeos, que foron seleccionadas por unha rede de expertos e asociacións de arquitectura de toda Europa. Entre elas, o xurado seleccionará as 40 finalistas que optarán a este prestixioso galardón que este ano quere pór o foco sobre os retos que afrontan hoxe cidadanía, responsables políticos e profesionais da arquitectura e da construción no marco do Pacto Verde Europeo.

Promovido pola Xunta de Galicia, o Edificio Fontán foi concibido como un espazo destinado a potenciar a investigación de excelencia nos estudos sobre o patrimonio, acollendo tamén servizos que dan apoio ás tres universidades galegas. Caracterizado pola funcionalidade, sostibilidade e austeridade dos materiais, foi deseñado por Andrés Perea —responsable xunto a Euroestudios do proxecto e da dirección das obras—, Elena Suárez Calvo e Rafael Fernández Torrelo. 

Tanto desde o punto de vista orzamentario como operativo, o Gaiás supuxo a oportunidade de desenvolver este proxecto reducindo o seu custe, ao edificarse sobre unha estrutura xa existente –inicialmente destinada ao Teatro de Música–, así como ao aproveitar as instalacións tecnolóxicas, de seguridade e servizos xa existentes no complexo.

Fotos: Manuel G. Vicente

Santiago de Compostela, 19 de Outubro de 2023