5 razóns para ser seareira/o de Concepción Arenal

Concepción Arenal (Ferrol, 1820 - Vigo, 1893)  foi capaz a principios do século XIX de cuestionar e revolverse contra o sistema patriarcal da época. Toda unha pioneira e referente feminista, á quen o Arquivo de Galicia, situado na Cidade da Cultura, homenaxea na nova sesión expositiva de Mulleres Sobranceiras . Velaquí cinco apuntamentos sorprendentemente revolucionarios desta muller adiantada á súa época, da que é imposible non ser seareira/o:  

  1. 1. En 1841, con 21 anos, disfrázase de home para poder asistir en Madrid a clases na Facultade de Dereito, xa que ningunha muller podía cursar estudos universitarios. Estaba prohibido por lei.
  2. 2. Ao ser descuberta, a súa teimosía e valentía fai que acade un acordo co rector: se aproba un exame que amose uns coñecementos por riba da media poderá asistir ás clases. Supérao de sobra. Admítena, pero sen posibilidade de matricularse, facer exames, nin interactuar co resto de alumnos. Con esta fin, entre clase e clase e para que non teña contacto cos seus compañeiros, é levada por un bedel a unha aula onde permañece ela soa ata o comezo da seguinte. Malia a todo, amosando unha vez máis a súa capacidade de resiliencia, acepta esta rutina discriminatoria e cursa catro anos desta carreira académica.
  3. 3. Ao casarse, en 1848, faino establecendo un matrimonio igualitario, inusual para época, e que lle permite ir a faladoiros políticos e literarios co seu marido. Iso si, verase obrigada a recuperar as roupas de home coas que iniciara a súa aventura na Facultade de Dereito.
  4. 4. En 1860 publica o ensaio La beneficencia, la filantropía y la caridad, que obtivo o premio da Academia de Ciencias Morales y Políticas. O libro sae ocultando a súa verdadeira identidade, xa que emprega o nome dun dos seus fillos. Pero de novo volve ser descuberta e retíranlle a distinción. Mais loita porque lle sexa recoñecido e, á vista dos méritos da obra, os académicos non teñen máis opción que devolverlle o premio. Outro pequeno gran fito.
  5. 5. Ademais da súa actividade en defensa do acceso da muller á educación desmontado nos seus traballos a falaz supramacía intelectual do home por un mera consideración biolóxica, a súa figura está ligada ás causas sociais. É das poucas mulleres que figura na amplia Historia da pena de morte, elaborada por Amnistía internacional, e se o fai é pola excepcionalidade da súa traxectoria como activista contra a situación precaria das persoas nos cárceres da época. Precisamente, foi a primeira muller que recibiu o cargo de visitadora nas prisións femininas, un posto ocupado exclusivamente por homes. Arenal escribe incluso un ensaio crítico con esta pena máxima, no que argumenta que non era defendible nin desde una perspectiva individual nin desde una perspectiva social.
Concepción Arenal morreu en Vigo aos 73 anos de idade e, a pesar da indiferenza da época, a revolución que puxo en marcha estableceu piares e sementou loitas futuras para que outras mulleres non se resignaran co que a sociedade patricarcal lle tiña establecido.

 

Santiago de Compostela, 09 de Marzo de 2020