Ciencia e humor para celebrar o Día da Auga

A Cidade da Cultura está a conmemorar esta semana, da man de Viaqua, o Día Internacional da Auga, que se celebra o vindeiro 22 de marzo. A través dunhas xornadas didácticas infantís e un foro de debate, pequenos e maiores puideron ao longo destes días descubrir os fundamentos da auga, os seus beneficios e a súa problemática.

No marco desta conmemoración, este martes e mércores, os máis pequenos convertéronse en científicos por unhas horas e a través de divertidos experimentos nos que descubrir as propiedades da auga. Os escolares do CEIP Lamas de Abade, o CEIP Vite I e Compañía de María participaron no Circuíto da Auga guiados polos tolos profesores de Ciencia Divertida. Así, os científicos puxeron a proba o seu pulso, converteron dous líquidos nun sólido, simularon a descontaminación da auga... e ata acabaron cos pelos de punta! 

Xunto co circuíto experimental, os escolares participaron no obradoiro H2O-Onde vai, de onde ven? A través desta actividade, os escolares descubriron que a auga non é só ese líquido incoloro, inodoro e insípido que toman cando hai sede ou no que nos remollamos en verán. Así, dunha forma divertida e mesmo con algo de maxia, o obradoiro serviu para aprender e reproducir o ciclo da auga, aprender os estados da materia, recoñecer a evaporación, como se forman as nubes e a chuvia, explicar que hai auga debaixo da terra e a importancia que ten, e explicar e reproducir a filtración.

A Semana da Auga na Cidade da Cultura complétase coa celebración do Foro Ciclo Integral da Auga: coñecemento e implicación da sociedade, organizado por El Correo Gallego coa colaboración de Viaqua.

En familia
Santiago de Compostela, 17 de Marzo de 2016