AMTEGA

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, ten como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia no eido das tecnoloxías da información e a comunicación e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

O Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, regula tanto as súas competencias e funcións como a súa organización e estrutura, o réxime do seu persoal, o réxime económico-financeiro e patrimonial, así como os principios que a orientarán na súa actuación.

A creación da AMTEGA permitiu unha maior eficiencia e unha redución de gasto ao integrar os recursos humanos, materiais e orzamentarios da área tecnolóxica de todas as consellerías e diferentes entidades departamentais da Xunta baixo unha mesma dirección e con custo cero.

A AMTEGA é o instrumento estratéxico e executivo para impulsar a modernización da Administración pública, así como o desenvolvemento económico e social de Galicia.

Coa creación da AMTEGA e a posta en marcha do Centro de Proceso de Datos Integral, Galicia dá un paso histórico en materia tecnolóxica, apostando por un modelo de xestión das TIC integral que non existe noutras comunidades. Ademais, ambas as iniciativas posibilitan a redución de arredor do 30 % do custo tecnolóxico da Administración autonómica, aforro que está a ser reinvestido en proxectos TIC innovadores no sector público galego.