A exposición De Nós a nós chega a Pontevedra

A Cidade da Cultura leva a exposición Galicia, de Nós a nós ao Museo de Pontevedra, onde xa está case todo a punto para que poidades visitala a partir do vindeiro xoves 20 de maio. Despois do seu paso polo Gaiás e pola cidade de Ourense, onde en conxunto congregou 22.000 visitantes -aos que se suman outros 7.000 participantes no programa de visitas interactivas e didácticas a través de videoconferencia-, a mostra chega a Pontevedra, outra das "cidades Nós" por excelencia.

Con esta nova oportunidade para visitar a mostra, complétase o programa de itinerancias desenvolvido pola Cidade da Cultura para achegar á cidadanía galega o legado dunha xeración que mudaría para sempre a nosa historia e dunha publicación, a Revista Nós, que hai un século loitou para erguer a nosa lingua e cultura en pé de igualdade co resto do mundo.

Organizada pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense xunto á Deputación Pontevedra, e comisariada polos profesores Afonso Vázquez-Monxardín e Ana Acuña, Galicia, de Nós a nós conta coa colaboración das grandes institucións culturais galegas e é ademais a segunda das tres grandes exposicións no marco do Xacobeo 21·22.

Podes visitala de balde no Museo de Pontevedra ata o 11 de xullo.

Santiago de Compostela, 12 de Maio de 2021