Museo Centro Gaiás

Chamado a ser un referente arquitectónico do século XXI, o Museo Centro Gaiás é un dos edificios máis singulares e con máis posibilidades de uso da Cidade da Cultura, erguéndose como un dos centros expositivos de referencia en Galicia.

A espectacularidade da súa fachada, os case 43 metros de altura e os seus máis de 16.000 metros cadrados de superficie permítenlle despregar unha oferta de actividades formativas e de divulgación que o converten nun centro activo e en continua renovación.

O Museo Centro Gaiás conta cunha superficie expositiva de 6.600 metros cadrados, dividida en tres plantas, nas que acolle exposicións temporais de fondo calado e instalacións que pola súa envergadura non poderían exhibirse noutros centros.

A cultura, na súa concepción máis ampla e inclusiva, é a protagonista deste espazo que quere integrar todas as manifestacións artísticas, humanísticas, de creatividade e coñecemento. Sempre en cooperación co tecido cultural e coa rede de museos de Galicia para lograr sinerxías e estreitamento de lazos con institucións internacionais, que permitan afrontar proxectos de coprodución e facilitar toda clase de intercambios que reforcen os vencellos globais da nosa cultura.

Seoane e Lugrís no Museo Centro Gaiás

O Museo exhibe de xeito permanente no seu andar 0 dúas obras plásticas de grande formato realizadas por dous grandes referentes das nosas artes: Luís Seoane e Urbano Lugrís. Por unha banda, pode contemplarse un mural realizado por Luís Seoane na Arxentina na década dos 70, por encargo de Isaac Díaz Pardo. Esta obra fora concibida para a fábrica de Porcelanas de Magdalena –Celtia S.A.– que o mesmo Díaz Pardo fundara ao carón do Río da Prata.

De 230 por 390 centímetros e 200 quilos de peso, está formado por catro paneis de idéntico tamaño perfectamente ensamblados entre si. Sobre un fondo de táblex de madeira e cartón, pintado en tons amarelos e ocres, Seoane plasmou unhas formas en relevo influenciadas por elementos da cultura popular galega, moi presentes en toda a súa obra do exilio. Trátase ademais dunha das poucas testemuñas muralísticas de Seoane que podemos atopar en Galicia.

No vestíbulo de entrada do Museo exhíbese tamén o mural Translación do corpo do Apóstolo a Santiago, unha obra de temática xacobea realizada por Urbano Lugrís para un sanatorio de Compostela, arredor de 1957, coincidindo coa súa época de maior esplendor artístico. Tras o peche desta instalación sanitaria, o mural iniciará un periplo que o levará a un negocio hostaleiro e posteriormente a unha galería de arte, ata ser instalado no Museo Centro Gaiás en febreiro de 2023, tras un proceso de restauración para asegurar que poida ser exhibido nas mellores condicións de conservación.

 
Museo Centro Gaiás
Museo Centro Gaiás
Museo Centro Gaiás
Museo Centro Gaiás
Museo Centro Gaiás
Museo Centro Gaiás
Mural de Luís Seoane
Cafetería do Museo Centro Gaiás