A Estrela do Gaiás ilumina o Nadal

Un faro temporal iluminará o Nadal galego desde o alto do Gaiás. Da man do artista Paco de Pin e da empresa Cachet, Santiago de Compostela convértese nunha cidade marítima guiada pola luz dun facho temporal encargado de transmitir unha mensaxe de optimismo a todos os galegos.

Estrela do Gaiás dá nome a esta intervención lumínica ideada pola empresa Cachet para celebrar con todos os galegos o seu vixésimo aniversario e que converterá unha das Torres Hejduk da Cidade da Cultura na estrela máis brillante de Compostela ata o vindeiro 6 de xaneiro. “Estrela do Gaiás é unha oportunidade que se me brinda para xogar neste campo de estrelas, nesta cidade luminosa e espiritual, principio e fin de todo”, explica Paco de Pin, quen admite que sempre concibiu Santiago de Compostela como unha cidade marítima pero sen faro.

Unha das Torres Hejduk será temporalmente ese facho de luz ausente coa colocación dunha luz rotatoria no alto da infraestrutura que poida contemplarse desde toda a cidade. Estrela do Gaiás tinxirá de cor a torre, con cambios cíclicos que pasen do frío azul do mar ao calor amarelo e vermello que incendia as augas dese océano.

A intervención, patrocinada integramente pola empresa Cachet, poderá contemplarse desde o venres 21 de decembro ao 6 de xaneiro en horario de 20:00 a 00:00 horas. “Estrela do Gaiás será unha aportación máis a este campo de estrelas que é Santiago –unión de camiños entre Oriente e Occidente-, e punto de encontro de toda Galicia a quen queremos desexarlle un Bo Nadal”.

Visitar
Santiago de Compostela, 20 de Decembro de 2012