A dobre celebración do 8 de marzo | Día da Muller

8 de marzo conmemórase o Día Internacional da Muller e tamén o fito, nun non tan afastado 1910, de que se conseguise abrir a educación pública universitaria ás mulleres. Ata ese momento, só se admitía o seu acceso nas privadas e mediante autorización do Consello de Ministros.

Hai que lembrar que incluso unha das grandes pioneiras do feminismo español, Concepción Arenal, tivo que disfrazarse de home para poder cursar o seus estudos de Dereito. Precisamente, ela foi unha gran defensora do acceso á educación das mulleres e, por iso, o Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura de Galicia, homenaxéaa na nova entrega do ciclo expositivo Mulleres Sobranceiras.

A través de 40 pezas entre documentos textuais, fotografías, planos e obxectos pódese comprobar a evolución do papel da muller no sistema educativo desde 1857 coa chamada 'Lei Moyano', na que a súa instrución limitábase á chamada “educación de adorno” como bordado, debuxo, piano ou francés; aos avances no primeiro terzo do século XX co acceso a actividades profesionais “axeitadas para o seu sexo”; ata afondar tamén no profundo retroceso provocado pola ditadura franquista, na que a educación vai indicir no papel da maternidade e da realización dos traballos do fogar.

Achégate a este percorrido histórico e social, que evidencia a loita de tantas mulleres precursoras e referentes na consecución da plena igualdade.

Santiago de Compostela, 06 de Marzo de 2020