7H é unha cooperativa de traballo asociado dedicada á creación e á xestión cultural. En 2014 gañou a segunda edición dos Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, na categoría de xestión cultural e, a día de hoxe, continúa a desenvolver o seu proxecto no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura de Galicia.
“Comezar un proxecto supón moita ilusión, ideas, esperanzas… pero tamén moitos nervios, medos e momentos de inseguridade. Por iso é tan gratificante recibir un galardón que premia, precisamente, o valor e a innovación dunha idea e aposta por ela”. Con estas palabras recibiades hai tres anos o Premio Emprende Gaiás-Sixto Seco, que supuxo para vós?
Supuxo algo que para moitas persoas que comezan un proxecto é moi difícil de conseguir e manter, un espazo onde poder desenvolver o teu traballo, pero sobre todo supuxo o recoñecemento e pulo que precisabamos para botar a flote a cooperativa dunha vez por todas.
Que vantaxes concretas lle vedes para proxectos emerxentes?
O poder optar a un espazo de traballo no que desenvolver todo tipo de contactos dende o principio é moi alentador para gañar forzas e capear todo o que vén. A titorización e o premio económico tamén son vantaxes privilexiadas, aínda que ben é certo que hai que sabelas xestionar de forma intelixente.
Falabades cando recibistes o premio de ilusión, ideas, esperanzas... Cumpríronse algunha delas grazas a este recoñecemento?
Este tipo de recoñecemento sempre axuda a abrir novas portas, ou fiestras incluso, se se dá o caso (risas).
No obviabades tampouco as inseguridades, cales eran e en cales vos axudou a superalas o Sixto-Seco? Supoño que a titorización/asesoramento durante un ano algo aportou a este respecto, non?
Inseguridades sempre as hai, comeces ou leves décadas traballando e moi especialmente no eido artístico e cultural, pero o premio axudou a sentirnos máis seguras do que estamos a construír, e a titorización axudounos a ver que queremos facer e que, definitivamente, non queremos.
Coa vosa experiencia, e tras dous anos e medio de vida do proxecto co que conseguistes este premio, con que argumentos animariades a quen teña unha idea ou iniciativa innovadora a presentarse?
Toda oportunidade que haxa, hai que aproveitala, e esta é unha delas. Ademais agora hai dotación económica, cando gañamos nós, non había (risas, de novo).
E xa para rematar, que balance facedes destes dous anos e medio e en que proxectos novos está metida 7H Cooperativa Cultural?
O balance é positivo e seguimos no ollo do furacán, sen parar, así que estamos moi contentas de poder seguir traballando en colectivo, no que nos gusta e involucrándonos no tecido social.

404.19 KB | ||
3.51 MB |