Atardecer no Gaiás 2018 | 21 motivos para desexar que se poña o sol

Nos meses de estío sobran os motivos para desexar estar fóra da casa ata a caída do sol, mais a programación de Verán no Gaiás dáche 21 desculpas para alongar os días e acurtar aínda máis as noitiñas: os concertos do ciclo  ao aire libre de Atardecer no Gaiás. Actuacións en directo, de balde, todos os xoves, venres e sábados do 5 de xullo ao 18 de agosto, ás 21 horas na Praza Central do Gaiás.

Sabemos que todos os anos, cando chegan estas datas, deveces por coñecer o seu cartel, no que procuramos recoller e estar ao día da actualidade musical, tanto a nivel internacional como da galega, que sempre ten un peso importante. Ademais, este ano apostamos por darlle maior espazo as músicas urbanas (hip hop, trap ou cumbia electrónica) cada vez máis emerxentes. No entanto, se hai algo que caracteriza a Atardecer no Gaiás 2018 é a maior presenza de voces femininas, tanto nestes novos estilos como tamén no funky, soul, R&B, indie, punk ou bossa nova.

Deste xeito, polo escenario Alhambra da Praza Central vai pasar un abano amplo de rexistros musicais, que conformarán a banda sonora imprescindible do teu verán. Velaquí a playlist de Atardecer no Gaiás 2018, preme para escoitala!

E se chove? A choiva non vai ser motivo de suspensión de ningún concerto de Atardecer no Gaiás. Tense preparado un plan ao enxoito no caso de que, por motivos meteorolóxicos, as actuacións non poidan celebrarse ao aire libre na Praza Central. Comunicarase sempre coa suficiente antelación nas redes sociais da Cidade da Cultura.

PROGRAMACIÓN DE XULLO E AGOSTO 2018

  • XULLO

Xoves 5 | Shirley Davis & The Silverbacks (Australia/Madrid) + Sesión Dj (NingúnDj). Supoñen todo un sopro de aire fresco no soul e o funky. Veñen presentar ao Gaiás o seu segundo longo, Wishes & Wants, un disco cheo de enerxía e mensaxe co que van demostrar que estes dous xéneros están máis vivos ca nunca.

Venres 6 |  Rels B (Baleares) + Sesión Dj (Mestre Pi). Coñecido como o rapaz boiño do hip-hop, aos seus 24 anos os seus temas —nos que non falta trap e música electrónica— alcanzan 20 millóns de reproducións en Youtube. O cantante do hit Made in Taiwan garante converter a Praza Central do Gaiás nunha discoteca de baile.

Sábado 7 | Modelo de Respuesta Polar (Valencia). Indie intimista desde Valencia desta banda que ao longo dos anos perdeu escuridade e gañou máis potencia co seu último traballo ‘Más movimientos’ que está a ser acollido moi ben pola crítica.

Xoves 12 | La Redada (México).  Este sexteto de música psicodélica-tropical da capital mexicana reinventa sons e ritmos que atopan agochados en discos de vinilo de segunda man. Mergullarse nesta aventura musical supón danzar, danzar e, por suposto, danzar.

Venres 13 | A Banda da Loba (Galicia).  Cinco mulleres que musicalizan tanto poetas galegas senlleiras como contemporáneas. Todo isto, baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk... que converten o seu repertorio nun fantástico caleidoscopio musical.

Sábado 14 | Dom La Nena (O Brasil). A doce voz desta brasileira nómada entre Buenos Aires e París recibiu comparacións con Joanna Newsom ou con Jane Birkin con quen ten compartido escenarios. Mais conta cun rexistro persoal moi propio e a través do seu talento como virtuosa do cello móvese con total liberdade e independencia entre a bossa nova e o pop.

Xoves 19 | Nathy Peluso (A Arxentina) + Sesión Dj de Yuraq Walla. Esta arxentina afincada en Madrid é pura paixón en todo os rexistros cos que se atreve, que non son poucos; blues, salsa, jazz, soul, hip hop, R&B e ata trap con letras intensas e directas, como as súas actuacións. En resumo, non a podes perder!

Venres 20 | Yellow Belly e David Vázquez (Australia e Galicia). As cidades da Coruña e Brighton únense polos sons experimentais, entre o pop e o electrónico, destes compositores e intérpretes que traballan por separado e que xuntos conseguen atmosferas que te transportarán á túa particular escena cinematográfica.

Sábado 21 | Oh! Ayatollah (Galicia). Pop en galego con letras crúas, mais non escuras, que avalan a etiqueta de nihilismo entusiasta que se lle ten posto ao seu estilo. Presentan novo traballo e vai ser (felizmente) imposible non sumarse a coro aos seus efectivos (aínda que non tan felices) retrousos.

Xoves 26 | Mordem. Galicia. Gañadora do proxecto Demo de Radio 3 con seu anterior proxecto, Jane Joyd, a artista galega regresa con sons máis próximos ao trip hop, ao dreampop ou ao R&B… atravesados todos eles por pianos contemporáneos que farán única a chegada da noitiña no Gaiás.

Venres 27 | Queen Symphony - Banda Artística de Merza (Galicia). Escoitar os temas míticos da banda británica como nunca antes o tiñas feito. Unha oportunidade para gozar doutro xeito esas cancións que che teñen acompañado nalgún momento da túa vida, nas voces do coro Gli Appassionati.

Sábado 28 | Nastasia Zürcher (Suíza e Galicia). A cantante e compositora galega-suíza galardoada na categoría de música negra nos Premios Martín Códax ofrece ritmos que van desde o groove descarado con aires de neo-soul ao afro-pop-folk, guiados sempre pola súa voz inconfundible.

  •  AGOSTO

Xoves 2 | Pajaro Sunrise (Castela e León). Temas que oscilan entre o pop, o folk e a música electrónica cantada en inglés que teñen propiciado que composicións de Yuri Méndez Barrios fosen elixidas como banda sonora de moitas series. Non podía faltar, entón, para a do Verán no Gaiás.

Venres 3 | Fernando Barroso & Margarida Mariño ft. Celina da Piedade  (Galicia + Protugal). Coa mandolina como protagonista, veñen presentar o seu último traballo,  Silence Lovers Club. Nel rescatan sons que van desde o swing/jazz aos hipnotizantes persas.

Sábado 4 |  Baiuca (Galicia). "As Rías Baixas son o noso Amazonas". Esta é a carta de presentación deste novo proxecto capitaneado por Alejandro Guillán, onde combina o máis avanzado e vangardista da electrónica coas raíces máis salvaxes e puras da música tradicional. Arriscado e necesario.

Xoves 9 | Pony Bravo (Andalucía) + Sesion Dj con La Isla del Tesoro. Este grupo sevillano, con claras influencias do rock andaluz dos 70, trae ao Gaiás o seu humor tan característico co que tinguen as súas letras ‘protesta’, á vez que un directo sempre encomiado que o ten levado a festivais como o Primavera Sound.

Venres 10 | Rodrigo Cuevas (Asturias).  A non perder a zarzuela bufa feita desde Asturias para o mundo deste artista irreverente e performático. Nela desprende orixinalidade a atrevemento para amosar o seu amor polo universo rural e tradicional asturiano, no que tamén hai lugar para o urbano e o tecnolóxico.

Sábado 11 | Las Odio (Madrid) A banda madrileña inxerida no movemento punk feminista Riot grrrls vén ao Gaiás co obxectivo de que non paremos de bailar en ningún dos seus temas. Seguro
que non as defraudas nin te defraudan.

Xoves 16 | Paula Valls (Castaluña).  Din que cando Paula Valls canta, a súa alma (negra) estremece. A voz e as melodías desta rapaza catalá de só 18 anos transpiran jazz e música afroamericana en cada un dos seus acordes. Unha pequena gran xoia para musicar o solpor.

Venres 17 | N3rdistan (Francia + Marrocos).  A banda franco-marroquí repensa e mestura culturas, estilos e instrumentos, viaxando desde o hip-hop, rap, electro-rock ás melodías árabes máis tradicionais, a través da voz fascinante de Walead Ben. Unha descuberta que cativará.

Sábado 18 | Tremenda Jauría (Madrid) + Sesión Dj con La Sincereza Pincha Cumbia. “Reguetón ou barbarie”. Esta é a arenga coa que che vai recibir o cuarteto madrileño na Praza Central para bailar ritmos tropicais, como a cumbia- electrónica, con letras que convidan á disidencia facendo seu o de: “se non se pode bailar, non é a miña revolución”.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Atardecer no Gaiás 2018

  • Organiza: Cidade da Cultura de Galicia
  • Colaborador: Inaem
  • Patrocinador: Cervezas Alhambra
  • Sesión Dj cortesía de: A Cantina do Gaiás
  • Último autobús de baixada desde o Gaiás ao centro da Cidade: ás 23 horas. Os días con sesión Dj posterior ao concerto, amplíase ás 00.30 horas.
 



 

 


 

 

Santiago de Compostela, 19 de Xuño de 2018