Escenas do cambio | O canto do horror

Como se conta o horror? Que palabras escollemos para describir a masacre de 800.000 persoas en cen días? En abril de 1994, Dorothée Munyaneza tiña doce anos. Esa primavera comezaron as matanzas. Moitos dos seus parentes, amigos e familiares foron asasinados. A súa nai, traballadora dunha ONG en Londres, logrou sacala de Ruanda.

Samedi Détente era o programa de radio que escoitaba na súa infancia, gozando de cancións que chegaban do estranxeiro e que aprendían de memoria para competir entre amigas pola mellor interpretación. Esas dúas palabras coloristas, que evocan a alegría de vivir nun tempo anterior ao xenocidio, convértense no título da peza que trae por vez primeira a España no festival Escenas do cambio.

A través da danza, do canto e da palabra, Munyaneza, compositora e intérprete da banda sonora da película 'Hotel Rwanda', rememora lugares e persoas que xa non están, nunha obra peza que na actualidade segue a resoar con forza, advertindo dos perigos do fanatismo identitario.

Medrar coas pantasmas, deixar que as pantasmas se expresen. Por que? Quizais, como ela mesma explica, para “facernos escoitar e ver os silencios e as cicatrices da historia”.

[Estrea o xoves, 6 de febreiro de 2020. Festival Escenas do cambio. Entradas á venda en escenasdocambio.org]

Música & Escena
Santiago de Compostela, 10 de Decembro de 2019