Final feliz para Romeo e Xulieta? | Escenas do cambio 2021

E se, finalmente, o fraile Lorenzo dese chegado a tempo para impedir o suicidio de Romeo? E se Xulieta acadase espertar do seu sono profundo e, deste xeito, a última escena desta traxedia de Shakespeare dese unha reviravolta que permitise que os dous amantes de Verona acabasen xuntos?

Este "final feliz" para a parella máis famosa da literatura universal foi ideado en 1930 polo compositor ruso Serguei Prokofiev e polo dramaturgo Adrian Piotrovsky. E o mesmo Stalin deu o seu visto e prace a esta versión alterada e para ballet de Romeo e Xulieta do escritor inglés, polo que a peza puido estrearse por fin en 1946 no mítico Teatro Bolshoi. 

Trátase dunha das obras máis apreciadas do compositor, pola súa alta inspiración melódica, a gran variedade rítmica e o carácter memorable dos temas principais. No entanto, a dificultade da partitura impediulle ao compositor gozar do éxito que anos despois tería a súa peza. Foi criticado pola falta de lirismo do mesmo xeito que lle sucedeu a Chaikovski.

O problema veu cando á hora de ser levado á escena con coreografía de Leonid Lavrovski, os bailaríns non entendían a música. Galina Ulánova, unha das bailarinas que más éxito obtivo con esta peza pola su perfecta interpretación, chegou admitir anos depois: “para decir a verdade, non estabamos acostumados a esa clase de música e sentiámosnos máis ben amedorentados ante ela”. 

Versión de Prokofiev en Escenas do cambio 2021

A partitura de Prokofiev caeu no esquecemento ata o seu redescubrimento en 2003 polo músico Mark Morris e a partir de aí o interese de moitas compañías e non só de ballet por recuperala. Como é o caso da portuguesa Útero que trae a Escenas do cambio 2021 a súa gabada Romeo e Julieta a partir de Prokofiev, o que supón poder vela por vez primeira en España, grazas ao Festival de Inverno, de Teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura de Galicia.

"Coa música, Prokofiev quixo desafiar os conceptos tráxicos que están muy presentes no teatro", interpreta o director da peza, o prestixioso dramaturgo Miguel Moreira. "Prokofiev é un gran desafiador de límites como Shakespeare. A nosa capacidade de imaxinar novos espazos aumenta con eles", gaba o director da peza.

Por este motivo, a compañía portuguesa vai máis alá e fai unha versión de Prokofiev, reinterpretada por tres músicos de jazz portugués: Ricardo Toscano, João Pereira e André Fernandes e mantense o espírito do compositor ruso de "desafiar os conceptos tráxicos, tan presentes no teatro".

Pero, esta non é a única revisitación da versión de Prokofiev por parte da compañía Útero, xa que unha das orixinais novidades desta peza é que os dous personaxes (interpretados por Francisco Camacho e María Fonseca) nunca se ven. E cando chegan a estar en contacto, fano a través dun dispositivo electrónico.

Só lles queda agardar ás e aos espectadores de Escenas do cambio 2021 ao 20 de febreiro para descubrir no Museo Centro Gaiás se Útero manterá para os dous amantes de Verona o reencontro co que Prokofiev mudou radicalmente o destino tráxico que lles asignara Shakespeare.

Música & Escena
Santiago de Compostela, 12 de Xaneiro de 2021