Biblioteca de Nadal

A Biblioteca de Galicia, situada na Cidade da Cultura de Galicia, convértese en decembro tamén na Biblioteca de Nadal cunha ampla e completa programación de actividades pensadas para as verdadeiras protagonistas desta época festiva: a cativada da casa.

Así desde o 26 de decembro de 2017 ao 4 de xaneiro de 2018 ten planificado para todos eles seis actividades co nexo en común do Nadal vencellados cos contos propios desta época como é a figura do Apalpador, os tradicionais Cantos de Reis e incluso unha actividade de cociña para elaborar os doces típicos destas datas.

A programación de Nadal comeza con Cando petan á porta pola noite, un contacontos teatralizado impartido por 'A trastenda dos contos', dirixido a rapaces e rapazas, a partir de 8 anos de idade, nos que se fará un percorrido polas historias contidas nun dos traballos máis premiados de Xabier P Docampo. Nesta actividade explorarase a Terra Chá natal do autor, as lendas partilladas por toda a súa xeografía e as tradicións da nosa cultura.

Aproveitarase a sesión tamén para beber doutros autores que axudarán os cativos a entender a necesidade que temos galegos e galegas de que os nosos contos estean ateigados de estrañeza e misterio. Unha viaxe a través dos nosos medos e da nosa natureza.

Ao día seguinte, o 27 de decembro, a Biblioteca de Galicia acolle a actividade O Apalpador conta con vós. Un espectáculo ao redor deste personaxe mítico da tradición galega que estivo a piques de desaparecer, pero do que aínda quedan testemuños na zona do Courel e dos Ancares.

O xoves, día 28, 'Xandobela' impartirá nestas datas sinaladas Contos para o tempo de nadal, formado por historias e mitos sobre como se vive o Nadal e o cambio de ano nas distintas culturas do mundo. O diálogo, o intercambio de vivencias ao redor á temática proposta, a participación dos nenos e nenas e o protagonismo absoluto do libro, son elementos fundamentais para que a experiencia sexa enteiramente significativa e construtiva.

Coa chegada do novo ano, a Biblioteca de Galicia centra a súa programación familiar na proximidade da chegada dos Reis Magos. Así, o día 2, divertirá os cativos co espectáculo Un paxe real en apuros e Imos cantar aos Reis, ao día seguinte. Trátase dunha proposta que persegue difundir o patrimonio cultural galego relacionado coa nosa tradición navideña entre a xente máis nova.

A Biblioteca de Galicia despidirá a programación de Nadal de entre os seus andeis cun saboroso obradoiro de cociña. En Amasanacasa, 'Xandobela' aprenderalles aos máis pequenos da casa a facer doces típicos destas festas, que levarán para degustar na casa cos seus familiares.

Todos as actividades, espectáculos e obradoiros son gratuítos, previa inscrición na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia: www.cidadedacultura.gal

 

 

En familia
Santiago de Compostela, 05 de Decembro de 2017