En liña o catálogo da exposición 'Galicia, de Nós a nós'

Galicia, de Nós a nós despídese do Museo Gaiás superando os 15.000 visitantes --aos que se suman os 4.500 estudantes de secundaria que participaron no seu programa de visitas por videoconferencia-- e coa ollada posta nas itinerancias que a levarán a Ourense e Pontevedra. Mais sabemos que fostes moitos e moitas as que non puidestes achegarvos ao Museo Gaiás debido á situación sanitaria que estamos a vivir e por iso queremos deixarvos como agasallo o catálogo da mostra, que podedes consultar e descargar de balde en formato dixital aquí.

Unha obra para afondar nun anaco imprescindible da nosa historia, para percorrer devagar o devir da revista Nós a través dos seus colaboradores, temáticas e conexións internacionais. Con textos de Afonso Vázquez Monxardín, Ana Acuña, Anxo Angueira, María Xosé Fernández Cerviño, Miguel Anxo Seixas Seoane, Olivia Rodríguez, Xosé Manuel Núñez Seixas e Xusto Beramendi, e deseñado por Miguel Anxo Carvalho, de Blau Estudio, está chamado a converterse en obra de referencia para coñecer un pouco máis sobre o contexto dunha publicación que marcaría o presente e futuro da lingua e cultura galega.

Santiago de Compostela, 15 de Xaneiro de 2021