Que facer en Santiago de Compostela: visita a Cidade da Cultura

Visita a Cidade da Cultura

 

Se estás a planificar que facer na túa visita a Santiago de Compostela, hai unha excursión que resulta imprescindible: a Cidade da Cultura de Galicia. O complexo deseñado por Peter Eisenman é dos exemplos máis sorprendentes da arquitectura contemporánea. Pero non só. Arte, cultura, natureza, lecer e gastronomía danse cita nesta cidade única. Para que non perdades nada, aquí vos deixamos unha pequena guía para gozar de todas as posibilidades da Cidade da Cultura.

Bóla de libros. Unha enorme esfera de libros recibe o visitante na Cidade da Cultura. Trátase de Singularidade, unha obra da recoñecida artista visual Alicia Martín. Aínda que se instalou como unha obra temporal, hoxe é un símbolo e foto imprescindible para calquera persoa que se achegue ao Gaiás. 

O Gaiás en maqueta. Ao lado da Bóla de libros, a Sala Eisenman convídanos á descuberta dos proxectos ideados para a Cidade da Cultura, con maquetas, planos e explicacións de arquitectos como Jean Nouvel, Rem Koolhass, Ricardo Bofill, Manuel Gallego Jorreto e, por suposto, Peter Eisenman.

Biblioteca e Arquivo de Galicia. É o momento de entrar no edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia. Ademais de marabillarvos coa súa sala de lectura, podedes aproveitar para visitar algunha das exposicións temporais realizadas cos fondos propios das institucións que alberga.

Visita a Cidade da Cultura

Descubre as Torres Hejduk. Visita obrigada son as Torres Hejduk. Foron as primeiras pezas que se alzaron na Cidade da Cultura e as únicas que non pertencen a Eisenman, senón ao arquitecto John Hejduk, que as concibiu como torres botánicas para o parque de Belvís. Actualmente acolle intervencións artísticas contemporáneas. A última foi a de A través dun horizonte sen corpo, instalación de Fredy Solano que se puido ver ata finais de novembro, e que resultou gañadora da IV Convocatorio de Internvecións Artísticas neste espazo, que convoca o Encontro de Artistas Novos (EAN). Agora estáse a preparar outra para inaugurar en marzo de 2018, baixo o título de Bétula péndula, intervención paisaxística de Martín Toimil.

Tocando o ceo na praza central. Non podes marchar da Cidade da Cultura sen tentar ‘escalar’ a rampa do edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia, á que se accede desde a gran praza central. É como tocar o ceo. Iso si, coidadiño ao baixar.

Merecido descanso na Cantina. Estamos cansos? Precisamos dun café? Ou algo para comer? A Cantina da Cidade da Cultura é o espazo ideal para facer unha pausa. A Cantina conta con dous galardóns nos prestixiosos premios Restaurant & Bar Design, cos que se recoñece ao restaurante mellor deseñado en todo o mundo e ten servizo de cafetería en horario ininterrompido, ademais dunha pequena carta e un completo menú do día.

Un paseo literario. Tras repoñer forzas, achégate ao corazón da Cidade da Cultura e goza dun paseo polo Xardín Literario, un espazo verde dedicado aos escritores e poetas galegos. Sendas que discorren entre versos de Pondal ou Cunqueiro, fermosas vistas a Compostela e un pequeno lago. 

Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura

Museo Centro Gaiás.  Tras a recentemente clausurada exposición Flor Nonoveyra de Antón Lamazares, Aagora o Museo Centro Gaiás está xa a preparar dúas grandes citas para 2018:

  • Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación :  A maior exposición de pezas das coleccións privadas de ABANCA e Afundación reunidas ata o momento. Pintura, escultura, fotografías e instalacións compoñen este percorrido por dous séculos de arte galega. Nela pode contemplarse unha escolma de 194 pezas que abarcan desde o primeiro terzo do XIX ata a actualidade, o que sitúa a ‘Galicia universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación’ como a mostra recente máis ambiciosa sobre a arte galega. Do 16 de marzo ao 14 de outubro de 2018.
 
  • Pestana, a verdade entre as mansRescata e pon en valor a obra do galego Baldomero Pestana,  a un autor descoñecido, a pesar da súa altísima calidade, e que representa un dos nomes máis relevantes da fotografía hispanoamericana do século XX. A mostra, que xorde a través dunha nova colaboración da Fundación Cidade da Cultura co Instituto Cervantes, supón a maior e máis completa exposición de Pestana realizada até o momento, cun total 150 fotografías e documentos referentes á traxectoria profesional do artista (revistas Life, Times ou Squire, etc.), así como obxectos persoais. Todos eles enriquecerán o percorrido expositivo revelándonos a vida e a obra do fotógrafo, que forma parte non só da memoria e patrimonio cultural de Galicia, senón do resto de España e de países como Perú e Francia, onde traballou. Do 27 de abril ao 2 de setembro de 2018.


Descansa no Parque do Lago. Antes de pensar en marchar, a Cidade da Cultura aínda ten gardada unha última sorpresa: o Parque do Lago. Unha extensa zona verde equipada cunha rede de sendas pola que pasear, un lago de 4.783 metros cadrados rodeado de vexetación e unha plataforma de madeira ao borde equipada con áreas de descanso.

Descenso polo Bosque de Galicia. Se aínda nos quedan forzas, a despedida perfecta da Cidade da Cultura faise a través dos sendeiros do Bosque de Galicia, o novo pulmón verde de Compostela, 24 hectáreas con sete mil árbores de especies autóctonas. Agora o Bosque de Galicia está inmerso na súa segunda fase. Cando finalice, esta alfombra verde contará cunha extensión de 340.000 metros cadrados e máis de 12.000 árbores de especies autóctonas. Precisamente, neste proceso está a participar, dun xeito simbólico, a cidadanía coa campaña Ponnos Verde! con dúas quendas de 25 persoas todos os sábados ata o 24 de marzo. 


Horarios e buses:

  • Apertura ao público da Cidade da Cultura. Luns a Domingo | 8:00 - 23:00 | Permítese o acceso en vehículo privado. Consulta os horarios antes de realizar a túa visita.
  • Conexións en bus con Santiago. L9 e C11. Consulta as rutas e horarios
Santiago de Compostela, 20 de Marzo de 2017
 
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura