Galicia, de Nós a nós

Galicia, de Nós a nós será a exposición máis ambiciosa realizada ata agora sobre a Xeración Nós. Proponse amosar ante a sociedade a trascendencia do que, xunto ao Rexurdimento, é probablemente o momento histórico máis relevante de conformación da cultura e identidade galega.

A mostra reunirá na Cidade da Cultura máis de 300 pezas na que aspira a ser a mostra máis completa e ambiciosa realizada ata o de agora sobre a Xeración Nós e unha das citas culturais imprescindibles deste outono. Será a segunda das tres grandes exposicións programadas pola Xunta de Galicia con motivo do Xacobeo 2021, e porá o foco na Xeración Nós para levarnos desde o tempo dos considerados pais do galeguismo contemporáneo ata os nosos días. O proxecto reivindicará a vixencia de principios defendidos pola Xeración Nós, como a dimensión universal da cultura galega, a necesidade de ter unha voz propia no mundo e o carácter aberto e integrador de Galicia.

Con Galicia, de Nós a nós  chegarán a Galicia –para seren exhibidas no Museo Centro Gaiás– obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que porán o foco nas conexións internacionais da revista Nós e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega. Tamén para destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron decididamente, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da literatura e da cultura galega.

Comisariada por Afonso Vázquez-Monxardín Fernández e Ana Acuña Trabazo, representa tamén o proxecto central do Goberno galego na programación do Ano Nós, co que se conmemoran os cen anos da publicación do primeiro número da revista Nós, que viu a luz o 30 de outubro de 1920. A conmemoración do seu centenario ofrece unha oportunidade clave de servir como elemento que aglutine e reforce unha personalidade galega actual propia, ilustrada, universalista, aberta ás correntes de pensamento mundiais, como foi a emanada daquela iniciativa editorial nos anos vinte e trinta. Este é o espírito co que nace este proxecto expositivo, que pretende ademais dar a coñecer polo miúdo unha revista que é un dos referentes imprescindibles da cultura galega do século XX.

 
Exposicións
 
26 XUÑ - 25 OUT
De 10 a 20 horas
ATA O 30 SET
De 9 a 21 horas
22 XUL 2020 - 10 XAN 2021
De 10 a 20 horas
6 NOV - 4 ABR
De 10 a 20 horas