Peter Eisenman

O gañador do concurso da Cidade da Cultura é un arquitecto internacionalmente recoñecido. Membro destacado do grupo The New York Five, estableceu o seu propio estudio en Nova York en 1980, despois de ser profesor dalgunhas das universidades máis prestixiosas do mundo, como Harvard, Cambridge, Princeton, Yale e Ohio.

Peter Eisenman está licenciado en Arquitectura pola Universidade de Cornell, posúe un Mestrado de Arquitectura pola Universidade de Columbia, e un Mestrado e Doutorament pola Universidade de Cambridge (Reino Unido). É Doutor Honoris Causa en Belas Artes pola Universidade de Illinois, Chicago; polo Pratt Institute de Nova York e pola Universidade de Syracuse. En 2003 foi nomeado Doutor Honoris Causa en Arquitectura pola Universidade La Sapienza de Roma.

En 1967, Eisenman fundou en Nova York o Institute for Architecture and Urban Studies (IAUS), un organismo de expertos internacionais dedicado á arquitectura, do que foi director até 1982. Recibiu o primeiro premio da terceira edición da Bienal de Arquitectura de Venecia en 1985 polo seu proxecto "Romeo e Xulieta". Tamén foi un dos dous arquitectos seleccionados para representar aos Estados Unidos na V Mostra Internacional de Venecia en 1991, a onde volveu en 2002 e 2004 para expoñer o proxecto da Cidade da Cultura de Galicia.

É ademais o autor de obras arquitectónicas emblemáticas como o Centro Wexner das Artes Visuais en Ohio, o Aronoff Center da Universidade de Cincinnati ou o Monumento ao Holocausto situado xunto á Porta de Brandemburgo en Berlín. Os seus proxectos caracterízanse por un estilo definido como "deconstrutivismo moderno", moi próximo ás liñas de traballo de Arata Isozaki, Frank Gehry ou Rem Koolhaas.

Peter Eisenman é ademais gañador de numerosos premios e distincións; entre outros, foi merecedor do Guggenheim Fellowship, do Brunner Award e do Premio de Honor do Instituto Americano de Arquitectos, este último en dúas ocasións, polo Centro Wexner de Ohio e pola sede da Koizumi Sangyo Corporation en Tokio.

Eisenman Architects [www]

 

Proposta para a Cidade da Cultura

 

Por Luís Fernández-Galiano. "CODEX. A Cidade da Cultura"

"O proxecto gañador de Peter Eisenman reconcilia con grande intelixencia plástica e simbólica os requisitos contrapostos de respectar un contorno milagrosamente intacto e de subministrar unha imaxe insólita e sedutora.

Dispoñendo os edificios como unha topografía artificial sobre a crista do monte, e escavando esta de maneira que o monte mesmo parece tallado, o arquitecto enterra o seu edificio sen enterralo realmente, e constrúe sobre a cima sen dar a impresión de ocupala.

A paisaxe curvada que resulta, xerada por Eisenman superpoñendo o trazado do centro medieval de Santiago e as ondulacións estriadas da vieira peregrina, compón unha escenografía expresionista e amable que se funde sen violencia co terreo, e que estende as gargantas abruptas das rúas con sendas plácidas cara aos aparcadoiros ao pé da autoestrada e cara ao perfil afastado do Obradoiro".