Cantina

Unha taberna característica do rural galego trasladada a este moderno e espectacular complexo. Esta é a proposta que o estudo Nómada aplicou na Cantina, que recibiu o máximo galardón nos prestixiosos Restaurant & Bar Design Awards co que se recoñece ao restaurante mellor deseñado en todo o mundo.

Cunha linguaxe contemporánea pero partindo da cultura popular galega, a Cantina dispón de mesas alongadas e en paralelo baixo unhas árbores esquemáticas que evocan as romarías á sombra das carballeiras.

Un longo mostrador que atravesa a parede serve e anexa dous espazos: cafetería e comedor, impoñéndose a cor xeométrica e desinhibida usada tradicionalmente nas manifestacións artísticas populares galegas.