Mes da Ciencia na Biblioteca | Ciencia que alimenta

Representación teatral con contidos científicos e sen comunicación verbal convencional. A intención da peza é divulgar a ciencia coa imaxe, potenciando a observación e os outros sentidos: tacto, olfacto… Non só é unha aposta por desvencellar as explicacións e a transmisión da ciencia da linguaxe oral, senón potenciar a capacidade de observación, que nos leve a afondar na explicación científica do que estamos a ver.

A peza está adaptada para chegar a colectivos como as persoas con dificultade auditiva. Entre os seus obxectivos, transmitir a todos os públicos o espírito e a filosofía do traballo científico.

Sinopse: a obra abrangue unha sucesión de experimentos ou demostracións de conceptos científicos que son realizados por dúas personaxes: un profesor científico e o seu axudante (burlón, desganado e un chisco toupón). A ciencia require curiosidade, traballo e esforzo, pero a recompensa (o coñecemento) pode ser moi grande para as persoas que se achegan a ela.