Mes da Ciencia na Biblioteca|Faladoiros de ciencia

Os Faladoiros de ciencia queren ser un espazo de encontro, similar ás 'tertulias de Ramón y Cajal', onde persoas curiosas de diferentes perfís falaban e discutían sobre temas científicos e de actualidade.

Neste caso os/as asistentes participarán en dúas conversas, cun máximo de 10 persoas en cada Aula e de 30 minutos de duración cada unha, impartidas por dúas mulleres científicas da Misión Biolóxica de Galicia:

  • Dra. Pilar Gago (Misión Biolóxica de Galicia). A arte como fonte de información científica: Faladoiro no que se contará a historia de como partindo da análise das follas e acios representados en retablos barrocos de Galicia e Asturias, se chegaron a identificar variedades de vides tradicionais a un nivel de detalle que permitiu publicar o traballo de investigación nunha revista científica. A arte como ferramenta do coñecemento científico.
  •  Dra. Ana Cao (Misión Biolóxica de Galicia). A domesticación dos nosos cultivos: Fai arredor duns 12.000 anos os seres humanos deixaron de ser recolectores nómades e volvéronse agricultores e gandeiros sedentarios. Este cambio tecnolóxico desatou unha transformación tan grande na organización da sociedade e na maneira na que a xente vivía que se denominou como “a Revolución Neolítica”. Asociado co nacemento da agricultura, todos temos escoitado falar do concepto da “domesticación”, pero este termo asóciase as máis das veces aos animais, esquecendo que os vexetais que hoxe en día consumimos tiveron tamén un proceso de domesticación.

As investigadoras, que teñen ampla experiencia en actividades de divulgación científica, levarán materiais gráficos de apoio e fomentarán a participación e o debate co público.