Galicia, un relato no mundo

Galicia, un relato no mundo explora a interacción entre o territorio histórico galego e o resto do mundo nun percorrido que nos leva desde a prehistoria ata a actualidade. Concibida como a primeira de tres grandes exposicións da Xunta con motivo do Xacobeo 2021, céntrase nas relacións internacionais de Galicia e a súa presenza no mundo.

No marco da exposición chegan por vez primeira a Galicia destacadas pezas de alto valor simbólico para a historia e a cultura do noso país e que se atopan en prestixiosas coleccións museísticas en distintos recantos do mundo. O público galego terá así a oportunidade única de contemplar nunha mesma mostra obras procedentes de institucións de referencia como a Cambridge University- Parker Library, as Bibliotecas Bodleian da Universidade de Oxford, o Museo do Prado, a Biblioteca Apostólica Vaticana, a Biblioteca de Arezzo en Italia ou o Museu Nacional de Arqueologia de Portugal.

Así, a mostra ofrece ao público galego a posibilidade de contemplar obras como a Biblia Kennicott –unha das biblias xudías máis valiosas, creada no s.XV na Coruña–; a Santa de Asorey –que o propio escultor cambadés cualificou como a obra da que estaba máis satisfeito– dous Códices Calixtinos: os Liber Sancti Iacobi da Biblioteca Vaticana e da Universidade de Salamanca –dous dos tres únicos calixtinos iluminados ademais do orixinal de Santiago que se conservan no mundo–. 

Chegan por primeira vez a Galicia obras como o Libro das Invasións –onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán, o personaxe lendario cuxo fillo Ith avistou Irlanda desde o faro de Brigantia, e figura destacada no propio Himno Galego, que converte Galicia no Fogar de Breogán–; o Cancioneiro da Vaticana –peza imprescindible da lírica galaico-portuguesa– ou o Mapa de Sawley, considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos que na época do Pórtico da Gloria (s.XII) representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa.

+ Consulta información polo miúdo sobre as pezas destacadas premendo aquí

O papel e impacto de Galicia no mundo

Comisariada polo xornalista, profesor e divulgador Manuel Gago Mariño, Galicia, un relato no mundo examina o papel de diferentes culturas, pobos e grandes eventos históricos na conformación da historia e da identidade galega. Tamén as relacións e a profunda conexión da comunidade galega con outros países –sobre todo europeos e americanos– rompendo co mito de illamento e periferia e explorando o papel e o impacto de Galicia no mundo.

Cuestións como a innovación tecnolóxica, as tendencias culturais e artísticas, as transformacións políticas, a integración de pobos e culturas, a influencia de vías de comunicación históricas como a peregrinación a Santiago de Compostela, os grandes movementos migratorios da Europa do século XIX e XX e a internacionalización crecente da economía galega son tamén aspectos moi presentes no relato da exposición.

Unha experiencia interactiva

Galicia, un relato no mundo concibe as novas tecnoloxías como un elemento central do relato da exposición, empregando sistemas como realidade virtual e aumentada e dispositivos de detección sensorial. A mostra consegue así expandir os obxectos e as historias, traéndoas ao presente e crebando as dificultades de acceso a libros e outros obxectos distanciados do visitante por barreiras de lectura ou de imposibilidade de manipulación.

As persoas visitantes verán o seu corpo convertido na interface tecnolóxica que lles permite navegar entre as distintas capas de información que a exposición ofrece, decidindo en cada momento canto queren profundar no relato. Entre outras aplicacións, a mostra converte a arquitectura do Museo Centro Gaiás –a través de realidade virtual– nun transatlántico da emigración galega a América; permite dar vida a todo un universo da Galicia medieval empregando tecnoloxías propias dos videoxogos; recrea o templo no que se atopa a referencia ao pobo dos galaicos máis distante –o Sebasteion das Afrodisias en Turquía– ou fusiona linguaxes tan distintas e afastadas no tempo como os códices medievais e a estética propia do cómic e do graffiti.

+ Podes ler aquí máis polo miúdo sobre as aplicacións interactivas de Galicia, un relato no mundo

 
Exposicións
 
29 AGOSTO-15 DECEMBRO
De 10 a 20 horas
19 SET - 5 XAN 2020
De 10 a 20 horas
Inauguración 24 de outubro
OUT - XAN