Os sons do Vindel. Músicas da Península Ibérica do S. XIII

A Cidade da Cultura de Galicia despide o Pergamiño Vindel —que regresa á Morgan Library tras seis meses no Museo do Mar de Galicia— da mellor das formas, a través da música de Martín Codax na súa máis pura esencia. Para iso, contaremos cun dos grupos de música antiga máis aclamados na escena internacional, Ensemble Micrologus, e conducido por unha das novas voces da poesía galega actual, Dores Tembrás.

Dores Tembrás actuará como mestra de cerimonias, presentando o proxecto e introducindo as persoas asistentes na lírica medieval e incluso poñendo a súa voz para á cantiga da que Martín Códax non nos deixou música. Pola súa banda, o Ensemble Micrologus será o encargado da parte musical do acto, coas súas versións historicistas, apreciadas e valoradas por parte de crítica e público en espazos de todo o mundo.

Baixo o título de Os sons do Vindel. Músicas da Península Ibérica no S. XIII este concerto revivirá na Cidade da Cultura de Galicia o repertorio medieval profano, músicas compostas por Martín Códax, pero tamén por outros grandes autores coetáneos, trobadores da época, como Don Dinis ou Alfonso X, e músicas das que non conservamos o autor ou que xa forman parte do repertorio tradicional. Ao redor de Martín Códax recuperaremos a voz desas augas, deses mares que son fonte de vida, pero tamén de lugar sen retorno, o mar que une pero que tamén separa.

As Cantigas de Amigo en galego-portugués seguen a tradición dos trobadores franceses do séculos XII e XIII; son unha especie de cancións amorosas, estritamente profanas, que chegan a nós en números moi altos pero sen notación musical, porque se lle encomenda a improvisación cos cánones melódicos habituais e á memoria oral.  A excepcionalidade das de Martín Códax é que delas conservamos a súa notación musical. Foron durante anos o único exemplo deste tipo de notación de escritura musical profana que ata o seu achado críase que so se transmitía de xeito oral, e, logo doutros achados, son na actualidade dos poucos exemplos conservados. Pero lamentablemente só está escrita no pergameo a música en 6 das 7 cantigas. Para suplir esta falta musical desta volta convidamos a poeta galega, Dores Tembrás que recreará esa sexta cantiga sen música pero á que lle dará musicalidade co seu recitado.

Este concerto permitirá as persoas asistentes coñecer as novas formas de interpretar estes repertorios e actualizar a súa comprensión tanto no seu estilo como na forma de executalo, tanto a nivel vocal como instrumental.

 
Música & Escena
 
Do 8 ao 10 de xuño de 2018
De venres ás 16.00h a domingo ás 20:00h