Deseños minúsculos, valores maiúsculos

A Cidade da Cultura propón facer de todos os martes de xullo un laboratorio de creatividade para os máis pequenos. Será a través dos obradoiros Deseños minúsculos, valores maiúsculos, cos que buscamos potenciar a curiosidade dos nenos polo deseño, estimular o seu talento creativo e sacar a relucir as súas aptitudes artísticas da man de destacados profesionais da ilustración, a artesanía, a moda e o deseño.

Deseños minúsculos, valores maiúsculos están conducidos por Lois Guillán, creador da firma Cucuducho, e desenvolveranse en catro sesión individuais artelladas ao redor da exposición Con-fío en Galicia:

5 Xullo | Debuxar. Co ilustrador Carlos Arrojo.

Debuxaremos motivos relacionados co mar e, mediante a súa repetición sobre un fondo de cor uniforme, deseñaremos estampados para decorar unha peza de roupa imaxinaria.

12 Xullo | Argallar. Coa deseñadora industrial Beatriz Lema.

Este obradoiro tomará como punto de partida dúas temáticas: a moda e o mar. Para materializar as nosas creacións empregaremos pasta de modelado en frío coa que faremos infinidade de botóns con elementos mariños como cunchas ou cantos rodados, pero tamén cremalleiras, abalorios e puntillas.

19 Xullo | Enredar. Coa artesá Idoia Cuesta.

Idoia proporalle aos pequenos descubrir as fibras vexetais e experimentar con elas, creando diferentes formas e tamaños de peixes. Cunha base de varas de vimbio, os participantes coñecerán sinxelas prácticas de tecido para materializar as súas creacións. 

26 Xullo | Artellar. Coa deseñadora de moda Sara Coleman.

A relación entre o mar e o téxtil vertebran este obradoiro no que os máis pequenos modelarán formas tridimensionais a partir dun material téxtil como a lá.