Cando a preguiza é arte | «Os brancos segredos do seu ventre»

«Derecho a la pereza» de Diego Santomé (Vigo, 1966) | Exposición «Os brancos segredos do seu ventre», no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia.
 
O que Louis Blanc defendía no «Dereito ao traballo» (1848) refutouno Paul Lafargue en 1880 no «Dereito á preguiza», título que lle serve ao artista galego para darlle outro tento máis á idea de produtividade artística: pódese perder o tempo e non ser iso unha perda de tempo. Ou pódese non facer nada e estar a facer algo, aínda que sexa esa NADA.
 
Santomé, como en moitos dos seus traballos, cuestiona e ironiza sobre as supostas tarefas do artista e o sistema económico nado do capitalismo, así como os conceptos de utopía e fracaso, equilibrio e inestabilidade, atados ao que debe facer ou non o artista.
 
«Derecho a la pereza» forma parte da escolma cromática da comisaria e crítica de arte Bea Espejo dos fondos da Fundacion Rac Roson Arte Contemporaneo e que podedes ver no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia. A entrada é libre e de balde de martes a domingo, con horario ininterrompido de 10 a 20 horas sen necesidade de reserva. Só tedes que facer inscrición se queredes afondar nesta exposición co noso persoal de guías:
Santiago de Compostela, 08 de Xuño de 2021