Ventura Pérez recupera “a idea do corpo como método para construír” no seu proxecto Arquitectura en lugares insospeitados. En lugar de empregar cimentos de metal, cemento ou pedra, a súa proposta usa como piar o propio corpo, “como unha columna base desde onde erixir a peza” e as teas como material de construción. Arquitecturas-prenda (un pantalón, un quimono, unha gabardina) que poden vestirse pero tamén ser habitadas, transformándose a partir de tensións.
No fondo desta proposta de artes plásticas, que o artista vigués está a desenvolver nas residencias artísticas do Gaiás, hai varias reflexións: sobre o corpo como territorio, medida e armazón para a arquitectura —e aquí cita as referencias de autores como Richard Sennet no seu libro Flesh and Stone ou a teoría das cinco peles de Hundertwasser— “pero tamén pode entenderse como unha crítica á propia idea de onde podemos vivir: a condición máis extrema de vivir no noso corpo, que este sexa a estrutura para a propia vivenda”.
Cada prenda de roupa, ao tensarse, transfórmase nun refuxio que recorda a unha tenda de campaña. Unha idea que conecta cos actuais movementos sociais e políticos en contra da precariedade da vivenda.
A escolla dos patróns das prendas ten, ademais, outro sentido: o deseño do pantalón relaciónase coa vestimenta de traballo, mentres o quimono “pode parecer algo máis exótico, ou de luxo”, explica. As prendas denotan, así, certo sentido de clase.

O corpo como territorio
A investigación artística de Ventura en relación ao corpo e á arquitectura vén de lonxe. Comezou a interesarse polo tema xa en 2015, mentres realizaba o Máster en Investigación e Creación na Universidade de Vigo, de onde naceu unha primeira peza “máis experimental e abstracta, un cubo con materiais transparentes”. Máis adiante, durante a súa tese, poñía en cuestión o territorio como condición para asentar unha arquitectura (ou unha escultura), e de aí xorde a idea de levala a lugares insospeitados e “utilizar o corpo como terreo”.
A residencia no Gaiás está a permitirlle dar continuidade a estas nocións “nun espazo de traballo amplo e cun soporte económico” que facilita facer este tipo de instalacións, “bastante custosas tanto a nivel de traballo, que leva moito facelas, como polo elevado prezo deste tipo de pezas, con tanta superficie de tea”.
Con todo, “as verticais, as paredes”, foron unha dificultade que tivo que resolver, porque resulta imposible usar as do propio espazo na Cidade da Cultura para colocar os enganches e facer as tensións. A solución que atopou foi traballar con soportes de ferro desde o chan, que vai construír el mesmo.
Para a presentación ao remate da residencia, Ventura quere mostrar unha instalación das pezas rematadas con esta estrutura de metal, pero tamén un rexistro en vídeo e fotografía de como se despregan desde o corpo á arquitectura. Nesta parte contará coa colaboración de Suevia Rojo, outra das artistas residentes, e incluso está valorando a posibilidade de facer unha performance en vivo. “Suevia cos pantalóns pechados, por exemplo, e logo ela desatándoos e facendo a tenda de campaña, podería estar ben”.
Agarda tamén que as pezas poidan ter unha vida máis aló do Gaiás, sempre que haxa interese por parte de comisariado ou galerías de arte. Neste sentido, xa tivo boas experiencias con esta liña de traballo, cunha mostra na Casa das Artes de Vigo (Todos os refuxios, 2025) e na Galería Nordés.
