Na modalidade de artes plásticas da axudas REGA, Ventura A. Pérez propón a creación dunha obra de arte habitable confeccionada a partir de teas acopladas a unha estrutura arquitectónica que permita levala de maneira sinxela, seguindo o diálogo xa establecido a comezos de 1930 na a icónica imaxe dos arquitectos estadounidenses vestidos dos seus propios edificios en Nova York, así como no traballo de Michael Webb, Michael Rakowitz, Lucy Orta ou Mary Ale.
O motor principal da proposta parte dun traballo previo do artista, Espazos-corpo, onde intercalaba as ideas de arquitectura e de corpo, conceptos ambos que fan alusión á construción do espazo e tamén dun corpo e da súa identidade. Aquitectura en lugares insospeitados dá continuidade a aquela proposta, desenvolvendo unha nova forma de unión entre pezas e arquitecturas precarias, instaladas en lugares aparentemente impropios da construción.
Durante a residencia, ademais da confección da peza, Ventura A. Pérez explorará a posibilidade de levar o resultado plástico á performance e ao movemento, establecendo colaboracións con outros compañeiros e compañeiras dos eidos da videocreación e das artes escénicas. O acompañamento do proxecto será realizado pola artista plástica e profesora da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, Almudena Fernández Fariña.
Ventura A. Pérez (Vigo, 1992) é doutor cum laude en Belas Artes pola Universidade de Vigo e actualmente desenvolve o seu traballo tanto no eido da docencia como da investigación e creación artística. Tivo ocasión de ampliar os seus estudos na School of Visual Arts de Nova York en 2023-2024 cunha bolsa Fullbright/Xunta de Galicia e ten participado en residencias artísticas e encontros de creadores en Lisboa, Bilbao, Castela e León, Holanda ou Cantabria, entre outros.
Participou en numerosas exposicións tanto individuais como colectivas en galerías privadas, centros culturais, festivais e museos, entre as que sobresaen Ritual/Reverence, (Immaterial Projects, Nova York, 2024), Todos os refuxios (Casa das Artes, Vigo 2025), Set Up Art Fair 2019 (Palazzo Pallavicini, Italia), XII Bienal Internacional de Lalín Pintor Laxeiro (2015) ou Neste Momento (Fundación RAC, Pontevedra, 2015). Ademais, a súa obra está presente na colección da Fundación BilbaoArte, o Museo Ramón María Aller (Lalín), a Real Academia de Historia y Arte de San Quirce (Segovia), o Museo de Pontevedra e a Fundación Mondariz-Balneario.












