Bosque de Galicia

O Bosque de Galicia levántase nas ladeiras do monte Gaiás con sete mil árbores de especies autóctonas (carballos, castiñeiros, salgueiros, bidueiros, ameneiros, espiños, serbais, loureiros…), un novo pulmón verde de 24 hectáreas que incrementa a biodiversidade da zona e mellora o metabolismo ambiental de Santiago, ao tempo que contribúe a integrar a Cidade da Cultura en Compostela, favorecendo que os visitantes se acheguen camiñando.

Unha rede de sendas peonís de tres quilómetros favorece o seu uso como lugar para o paseo, o contacto coa natureza e para todos os afeccionados ás actividades deportivas ao aire libre. A trama das sendas permite subir ao Gaiás elixindo itinerarios máis o menos suaves, ofrecendo alternativas para todos os visitantes. Un sistema de iluminación fotovoltaico de baixo consumo permitirá o uso destas sendas nas horas sen luz natural. Ademais, no cumio do monte, instalouse unha estación fotovoltaica que contribúe á recuperación desta enerxía. O sistema instalado ofrece unha iluminación suave e funcional, que evita a contaminación lumínica.

O Bosque conta con zonas de descanso e un fermoso mirador no alto onde descubrir unha das vistas máis descoñecidas de Santiago. Nel, un banco orientado cara ao oeste ofrece unha panorámica privilexiada para contemplar o solpor de Compostela. 

Na plantación das árbores participaron decenas de cidadáns e escolares, nun xesto que simbolicamente busca evidenciar que o Bosque de Galicia é o bosque de todos os galegos. Este proxecto, que parte da idea orixinal de Eisenman Architects, é o resultado da colaboración de catro consellerías do Goberno galego: Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Medio Rural; Economía, Emprego e Industria e Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e contou co asesoramento da dos técnicos da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega e de xeito particular da súa directora Isabel Aguirre, recoñecida paisaxista que ten aportado a Galicia traballos excepcionais, como o parque de San Domingos de Bonaval. A selección de especies e as tarefas de plantación foron levadas a cabo pola empresa pública de de Servizos Agrarios (SEAGA), coa participación dos membros de AMICOS, Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Intelectual. O trazado inicial das sendas corresponde a Perea+Euroestudios, o mobiliario e diversas solucións arquitectónicas, o deseño de iluminación, así como o trazado e solución final das sendas son de RVR arquitectos.

 
Bosque de Galicia
Bosque de Galicia
Bosque de Galicia
Bosque de Galicia
Bosque de Galicia
Bosque de Galicia
Bosque de Galicia
Bosque de Galicia