Visitas comentadas | Os brancos segredos do seu ventre

Da man do persoal de guías da Cidade da Cultura de Galicia ides pecorrer o terceiro andar do Museo Centro Gaiás como se do ventre dun cetáceo se tratase. Un ventre multicor e contemporáneo, constituido por unha escolma cromática dos fondos da Fundación Rosón de Arte contemporánea (Rac).

Os brancos segredos do seu ventre amosa unha escolma de 53 de obras realizada por Bea Espejo, comisaria deste novo proxecto do Museo Centro Gaiás e supón exhibir por vez primeira en Galicia, fóra da súa sede en Pontevedra, unha selección desta colección, unha das máis importantes en Galicia de arte contemporánea.

A Fundación RAC, situada en Pontevedra, fundada por Carlos Rosón, atesoura máis de 300 obras de 170 artistas, entre os que se atopan algúns dos nomes máis relevantes da creación actual, tanto nacional como internacional. Declarada Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de Galicia, esta colección é unha das máis relevantes de España no eido da arte contemporánea. O traballo da Fundación Rac na conservación e promoción da creación artística fíxoa merecedora de galardóns tan relevantes como o Premio Arte e Mecenado da Obra social "la Caixa" no ano 2018, distinción de referencia coa que se premia o compromiso privado co sistema artístico.

Bea Espejo opta para este proxecto por una reflexión sobre a cor, un dos temas nos que pon o foco a colección, cunha selección cromática que arranca co branco e acaba co negro, á vez que se inspira no propio arquitecto da Cidade da Cultura, Peter Eisenman, quen a través das páxinas da obra mestra de H. Melville, Moby Dick, imaxinou para o Gaiás un museo con “esqueleto de cetáceo” e por cuxo ventre branco esta exposición provoca que a arte despregue o seu universo de cores. En concreto, a comisaria extrae o título dunha das pasaxes do capítulo 42: Os brancos segredos do seu ventre. Trátase dunha metáfora visual que encaixa perfectamente coa idea de viaxe e coñecemento encerrado que ten de seu a obra de arte. Tamén revela os segredos que pode albergar un museo no seu interior.

Deste xeito, na mostra exhíbense obras de recoñecidos artistas internacionais da arte contemporánea, como son Tracey Moffatt, Juliâo Sarmento, John Baldessari, Joseph Beuys, Tacita Dean, Roman Signer, Sofía Táboas ou Ernesto Neto.

Nesta escolma non faltan artistas españois con repercusión internacional, como Ignasi Aballí —autor do proxecto que representará a España na vindeira Bienal de Venecia — Carmen Calvo, Eulalia Valldosera ou Pepe Espaliú.

En canto a presenza de galegos, é importante na colección de Carlos Rosón a incorporación de obras de Diego Santomé, presente no Museo Gaiás xunto a pezas de Rosendo Cid, Marcos Covelo, Sara Coleman e da recoñecida Ángela de la Cruz, Premio Nacional de Artes Plásticas e candidata aos Turner, os premios de arte máis coñecidos e prestixiosos do Reino Unido que outorga anualmente a Tate de Londres .

 

 
Visitar
 
21 Set 2021 - 21 Dec 2021
10.00 h| 12.30 h