Cidade Imaxinaria Primavera 2019

Chega a primavera e con ela regresa a fantasía de Cidade Imaxinaria!! Nesta estación na que todo volve agromar, na Cidade da Cultura emerxen mundos soñados, personaxes incribles, máxicas historias e formas imposibles.

O 27 de abril agardámosvos a partir das 16 horas con espectáculos cheos de cor, música, cambadelas e viravoltas. Espectaculares coreografías, circo e clown, teatro de rúa, equilibristas, malabaristas, xogos de enxeño, fantásticas instalacións inchables e ata un orixinal labirinto de cor onde só a vosa habelencia vos permitirá atopar a saída entre os múltiples camiños posibles!

Nunha cita que chega só uns días despois da celebración do Día Internacional de Circo, non faltará por suposto a xa tradicional Escola de Saltimbanquis da Cidade Imaxinaria, onde a cativada poderá deixar saír sen medo o intrépido acróbata que todo neno e nena leva dentro.

Contaremos tamén, como non, cunha animada zona de descanso con postos de bebidas e petiscos variados, doces e salgados, onde repor forzas entre tanta festa rachada. Vinde viaxar connosco a través de fabulosas historias nunha tarde de sábado ao aire libre na que a maxia e a diversión encherán cada recuncho do Gaiás, contaxiando a pequenos e pequenas, e tamén aos e ás que nunca deixan de selo.

Espectáculos de pista

Espectáculos itinerantes para encher de maxia a Cidade Imaxinaria

Espazos lúdicos para imaxinar [16 - 20h]

Ilustración Cidade Imaxinaria Privavera: Sr. Reny