O proxecto In vitro Ex Vivo de Judith Adataberna constrúe, desde as artes novas e a tecnoloxía, un espazo inmersivo, e certamente inquietante, que recupera relatos e testemuños ao redor de cuestións como a euxénese, a manipulación xenética, e as políticas e tecnoloxías aplicadas á reprodución humana. A proposta, que está a desenvolver na súa residencia artística no Gaiás, vertébrase ao redor de tres elementos: o texto, a imaxe e a escultura.
No texto, Judith reúne voces e linguas diversas a través das que escoitamos episodios como o polémico experimento de edición xenética de embrións humanos realizado por He Jiankui, a experiencia traumática que ela mesma viviu nunha interrupción do embarazo, ou o caso da activista Olivia Maurel, que descubriu aos 30 anos que nacera por medio da xestación subrogada e agora loita contra esta práctica e as súas consecuencias para os bebés e as xestantes.
Outros casos foron chegando coa residencia, como por exemplo o dos “orfos de Ceaușescu”, froito de políticas de control sobre a reprodución orientadas a aumentar a natalidade (prohibición do aborto e do uso de anticonceptivos, impostos para as familias sen fillos) abandonados por un Estado que os reclamaba como futura man de obra pero “incapaz de crear a rede de apoio que necesita un ser humano para desenvolverse e medrar como persoa autónoma”, conta.
Ademais da propia Judith, a poeta galega Yolanda Castaño, a música francesa, Lise Barkas, ou o músico Olivier Martin son algunhas das voces que nos falan en In vitro Ex vivo. Unha locución que se aproxima no formal ao “documental especulativo máis experimental” porque a súa peza ten un lado “bastante divulgativo e formativo”, asegura. Non se trata de dar respostas, pero si ofrecer “información veraz” para que o público “sexa consciente, cando defenda unha postura ou outra ou cando defenda un avance científico, de cales son os seus perigos”.
Mutacións, artesanía e tecnoloxía
“É unha gran fantasía poder facer unha mellora da raza humana ou erradicar enfermidades [coa manipulación xenética] pero isto tamén pode traer Frankensteins”, asevera. Este é outro dos temas que explora a peza. Dentro da comunidade científica, asegura a artista, hai xente disposta a facer melloras en células xerminais, que sexan herdables —agora mesmo só están permitidas as terapias xénicas somáticas, en células non reprodutoras— o que podería dar lugar a “mutacións imprevisibles”.
Nas paredes da instalación, “contemplamos mutacións de células ou de embrións que non existen” e que precisamente nos remiten, pola presenza de tubos, probetas, decantadores e outros elementos tecnolóxicos, aos procedementos que ocorren no laboratorio. O método de creación destas imaxes tamén sufriu unha mutación durante a residencia, xa que a idea orixinal era xeralas mediante motores de intelixencia artificial. Porén, as novas “e razoables” restricións aplicadas á IA xenerativa respecto á creación de imaxes anatómicas, de embrións, embarazadas ou bebés, fixéronlle optar pola creación artesanal.

Artesanía e tecnoloxía van tamén da man no embrión animatrónico que a artista Sidney Latil creou como elemento escultórico da instalación. Unha estrutura creada por impresión 3D que será mergullada no acuario central do espazo e no que decidiron “destacar especialmente a columna vertebral e o rabo” que nos recorda que “a nivel biolóxico hai poucas cousas que nos separen de parentes como os ratos e os monos” cos que experimentara He Jiankui antes de chegar á edición xenética en humanos.
No espazo sonoro está a contar coa colaboración do músico asturiano Andrés Rodrigues, beneficiario das axudas REGA na pasada convocatoria. “O que me gustaba desta residencia era poder darlle traballo a outras persoas, non só a min, porque cando traballas en equipo o proxecto gana”, explica Judith. Tamén ter “un espazo de silencio” e contar con recursos suficientes para sacar adiante o proxecto. “Quizais ter algo máis de tempo estaría ben”, comenta. O sábado 21 de novembro presentará unha pequena mostra do que será a peza completa de In vitro Ex vivo.
