A máquina ao servizo da fantasía: o contrabaixo expandido de David Santos

David Santos está a darlle forma na Cidade da Cultura a un novo tipo de instrumento musical: un contrabaixo expandido, “un pouco punki”, do que brotan cables unidos a circuítos cos que introducir percusións, ritmos e harmonías interpretados por pequenos autómatas e “trebellos” acústicos. O seu obxectivo é ampliar as posibilidades expresivas do contrabaixo coa axuda das máquinas, pero sen recorrer a samplers ou sintetizadores.

“Gustábame o camiño electrónico polas súas posibilidades en canto a texturas, velocidades, etc. Pero é outro xeito de funcionar na música, digamos. O que non me gustaba era como se mesturaba o son eléctrico co meu instrumento, que é acústico”, explica. De aí xurdiu a idea de explorar esas novas sonoridades construíndo os mecanismos sobre o propio contrabaixo.

Unha das primeiras opcións nas que estivo traballando durante a súa residencia no Gaiás foi a introdución de percusións. Pezas impresas en 3D sobre as que colocou diferentes materiais (cortiza, madeira, ferreñas de pandeireta...) para obter sons como os do bombo, a caixa ou o charles da batería. Cada elemento vai conectado a un circuíto programable que controla desde o ordenador. Agora mesmo xa ten unha estrutura estable aberta a distintas configuracións.

Máis mans para tocar

Conseguir que o instrumento emita notas, á marxe das que o músico interpreta co arco e cos dedos, é a seguinte fase da súa investigación. Para iso está a ver como integrar na ponte do contrabaixo un altofalante de presión que responde á vibración, e idealmente “colocar un actuador sobre cada corda”, o que lle permitiría “ter como dúas mans libres” para tocar varias cordas á vez, incluso en posicións moi distantes ou difíciles, “e facer harmonías tolas”.

En paralelo a este traballo de enxeñaría musical, David está a compoñer tamén as partituras para máquina e músico, así como a deseñar a escenografía e visuais que acompañarán a súa posta en escena, onde conta coa colaboración de José Faro (Coti) e Area Erina. A primeira actuación deste singular dúo será a finais de novembro, na Cidade da Cultura, coa presentación de resultados da residencia. 

“Se non fose por esta bolsa [das axudas REGA] isto tería quedado nunha mini-idea cun só trebello”, afirma. A residencia no Gaiás deulle a oportunidade de estar un mes traballando no proxecto, cos recursos suficientes “para construír un prototipo decente, poder gravar un vídeo, crear unha escenografía, e saír de aquí cun algo que poder mostrar máis que decentemente ao mundo”. 

Aínda que David Santos conta cunha longa traxectoria tanto como músico como enxeñeiro (é doutor enxeñeiro superior en Telecomunicacións pola Universidade de Vigo), a súa fonte principal de financiamento artístico seguen a ser os concertos, tocar. “Pero para tocar tes que ter algo que mostrar”, aclara, e esa parte creativa esixe de tempo e dedicación “sen pensar noutra cousa”. Conta que el adoita facer “auto-residencias”: encerrarse na casa unha semana para traballar nun repertorio e pechalo. Con todo, proxectos como este Estudo para contrabaixo expandido en Mi menor requiren dun investimento máis grande e de colaboracións que “só se poden facer neste tipo de espazos de residencias”.

Santiago de Compostela, 19 de Outubro de 2026