O proxecto de David Santos, seleccionado na modalidade de música das Axudas REGA 2026, céntrase na composición duna peza orixinal para contrabaixo ao que incorporará pequenos autómatas programables que actuarán como «asistentes de interpretación». Isto permitirá explorar novas sonoridades e posibilidades expresivas do instrumento, imposibles de executar para un único músico humano, como simultanear a execución do arco con percusión, pizzicatos de alta velocidade ou o uso de harmónicos.
A proposta dá continuidade á exploración das posibilidades expresivas do contrabaixo que se vén realizando desde o século XX, grazas á visión aperturista do instrumento en canto a técnicas percusivas baseadas en harmónicos ou multifónicos de compositores/intérpretes como Grillo, Scodanibbio, Berio, Landfermann... e tamén ás referencias tecnolóxicas na expansión do instrumento desenvolvidas por Paolo Angeli na súa guitarra sarda preparada ou máis recentemente polo grupo de hip hop Clipping cos seus sistemas de percusión MIDI.
David Santos contará coa colaboración de José Faro na integración electrónica, programación e no deseño da escenografía para a presentación final, así como coa cineasta Area Erina para a documentación videográfica de todo o proxecto. O compositor, músico e docente Fernando Buide será a figura mentora que acompañará o desenvolvemento do Estudo para contrabaixo expandido en Mi menor.
David Santos (Vigo, 1980) é intérprete de baixo/contrabaixo como primeiro instrumento, multiinstrumentista, compositor, e doutor enxeñeiro superior en Telecomunicacións pola Universidade de Vigo, con máis de 20 anos de traxectoria investigadora no eido da acústica.
No eido artístico desenvolve o seu traballo desde a experimentación e a creación de música orixinal. Pasou por grupos como Otro Juego de Té (folk experimental), Es un árbol (rock absurdo) ou Cró! (art rock) e participou nos 20 anos do festival Seis Cordas (danza intensa) onde improvisou con algúns dos bailaríns máis recoñecidos da danza contemporánea (Carmen Werner, Daniel Abreu, Mónica Valenciano, Oguri, Andrés Corchero, Janet Novás, etc..). Neste campo tamén foi membro da Orquesta OMEGA, fundador e director da Orquesta Metamovida, Fritanga e membro fundador e curador das sesións de improvisación HALO. Ademais, colabora activamente coa compañía teatro Ensalle en Vigo e coas bailarinas Carmen Werner (Premio nacional 2007) e Mónica Valenciano (premio nacional 2012). No audiovisual destaca a dirección musical do proxecto 9 Fugas que conseguiu o premio á mellor película no Festival Internacional de Cine de Gijón (2020) e o Mestre Mateo á mellor música orixinal.
Actualmente desenvolve o seu proxecto MonoLelo, onde investiga as posibilidades da voz e o contrabaixo para facer cancións. Tamén traballa no trío de bolero Experimental Leira Papaia e no grupo da poeta Lucía Aldao, PAVA, coa que está a traballar na banda sonora do primeiro largo de Ledicia Sola, As Augas.
