CJC. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade

Novelista, articulista, dramaturgo, poeta, académico… pero tamén editor, pintor, coleccionista ou actor. Do 19 de novembro de 2016 ao 19 de febreiro de 2017, a Cidade da Cultura acolle unha gran mostra na que descubrir as diferentes caras do único Premio Nobel de Literatura galego: Camilo José Cela.

Baixo o título Camilo José Cela: 1916-2016. O Centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade, o Museo Centro Gaiás ofrece un percorrido pola vida do escritor galego a través de 600 pezas organizadas cronoloxicamente en 44 seccións. Manuscritos e primeiras edicións das súas novelas máis importantes, obxectos persoais como a mochila que levou na súa viaxe a La Alcarria, fragmentos das películas nas que participou como actor, os milleiros de recoñecementos que obtivo ao longo da súa vida ou diferentes pezas artísticas de grandes nomes do século XX como Seoane, Alberti, Saura ou Picasso axudarán ao visitante a entender a complexidade dunha figura extraordinaria.

A aventura persoal, intelectual, literaria e artística de Camilo José Cela centra unha exposición na que por primeira vez se presenta ao escritor como un poliedro con múltiples caras. A de escritor planeará sobre todas as demais a través de pezas tan singulares como os manuscritos e primeiras edicións de La familia de Pascual Duarte e La Colmena ou a triloxía de novelas de temática galega: Mazurca para dos muertos, La cruz de San Andrés e Madera de boj. O Cela inventor dos apuntes carpetovetónicos, o viaxeiro, o dramaturgo, o xornalista, o epistológrafo ou o poeta completará esta ollada a súa figura de escritor.

Mais esta mostra centrarase nas outras cara de Cela: a de director e editor de revistas culturais claves do século XX como Papeles de Son Armadans ou dunha editorial vital na historia de España como Alfaguara, a de pintor, a de actor e guionista e mesmo a de coleccionista.  Un personaxe complexo que conformou unha das figuras culturais claves do século XX como demostra a longa lista de recoñecementos colleitados, entre eles o Nobel, o Cervantes e o Príncipe de Asturias. 

Camilo José Cela: 1916-2016. O Centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade complétase coa relación de Cela con Galicia. Ademais da súa presenza nas últimas obras, o escritor mantivo estreitos vínculos coa intelectualidade galega na diáspora, colaborou con figuras como Otero Pedrayo, Vicente Risco ou Celso Emilio Ferreiro e participou como articulista en numerosas cabeceiras do país. Todo un legado que culminaría coa posta en marcha en Iria-Flavia da Fundación Camilo José Cela para, segundo as súas propias palabras, “devolver a Galicia  o moito que Galicia me dou”.

 
 
Exposicións