Auga Doce: un descenso ao submundo

Unha viaxe ao que ninguén quere ver, ás entrañas da terra, a unha xeografía mítica e inexplorada. Baixo a idea común de redescubrir a beleza dun elemento indispensable para a vida, Auga Doce ofrece múltiples visións que nos trasladan do ceo ao inferno, da ollada feminina ás liñas arquitectónicas, do discurso ambiental ao filosófico, e todo sen saír do Museo Centro Gaiás.

No post de hoxe propoñémovos un descenso ao submundo, as entrañas das cidades, da terra, ao Hades. A ese mundo oculto que ten excitado a imaxinación de artistas e o enxeño de científicos, ansiosos por explorar ese mapa polo que flúe o 96% da auga doce do planeta.

Ninguén como Steve Duncan, historiador urbano, explorador e fotógrafo, para adentrarnos no que ninguén quere ver. Os sumidoiros, túneles e metros de cidades como Nova York, Os Ánxeles, Londres ou París son parte dese mundo esquecido que existe baixo os nosos pés, infraestruturas escuras e turbias, raramente visitadas e que Ducan transforma en fascinantes e accesibles paisaxes. Esa necesidade de sacar á luz esas importantes pezas da historia planea sobre a obra de Giovanni Battista Piranesi, un dos principais debuxantes arquitectónicos da historia da arte e o gravador máis célebre e influente do século XVIII. A súa Cloaca máxima (1778), unha augaforte do subsolo de Roma que pode verse no andar -1 do Museo, amosa ese atractivo estético do escuro.

E das partes internas das cidades ás entrañas da mesma terra a través da potencia das naturezas mortas do poeta, pintor e fotógrafo galego Manuel Vilariño á paixón exploradora de Robbie Shone, aventureiro, espeleólogo e fotógrafo británico que suspendido durante días con cordas en profundidades intimidatorias descúbrenos un universo oculto a través de impresionantes glaciares, simas e galerías, lagos e ríos, captando as xeometrías colosais dun mundo que plasma en traballos como a serie Underworld. Xunto a eles, a forza das imaxes de Lois Patinho no documental experimental Na vibración da terra, premio á mellor promesa no Festival de Locarno. A través de paisaxes de placas tectónicas, campos de lava, volcáns, fervenzas… amósanos a pequenez do ser humano fronte á magnitude da natureza.

Este descenso ao submundo remata no universo mítico de Helder da Rocha e as súas reinterpretacións dos infernos de Dante (Inferno e Purgatorio, 1999), ilustracións inspiradas na Divina Comedia que nos devolven a esa xeografía mítica, descoñecida e case máxica do subterráneo.

Imaxes de Manuel G. Vicente

 

Santiago de Compostela, 14 de Abril de 2014