Carlos Fer está a deseñar un Viravento pluvial nas residencias artísticas do Gaiás “que non pretende nin medir a auga nin indicar de onde vén o vento”. O seu proxecto, aínda que se inspira no funcionamento do pluviómetro, afástase “da obsesión por medir todo fenómeno e do estudo milimétrico” para crear, en troques, unha experiencia de contemplación na que “deixarse levar polas forzas atmosféricas”.
Pedra, aceiro e cerámica son os tres compoñentes principais do enxeño. O corpo e os brazos basculantes ían ser orixinalmente de aluminio, pero optou por mudar o metal para darlle máis resistencia, xa que a peza debe resistir a climatoloxía no curuto do Gaiás. Tamén cambiou o tipo de arxilas por unhas de cocción a alta temperatura porque “van mellor cos esmaltes que quero empregar, que remiten á tradición galega do Niñodaguia e de Buño”.
No espazo REGA ten ata o forno para cocer as pezas. “Prefiro facer todo aquí e evitar desprazamentos porque agora, cando están modeladas, é cando son máis fráxiles”, explica. O cono da base irá recuberto igualmente de cerámica, tipo mosaico, e nos brazos irá colgando os recipientes, de distintos tamaños, que recollerán a auga da chuvia. “Esa parte penso que vai ser a que me vai dar máis problemas, xogar cos equilibrios e mirar ben as suxeicións de cada peza co esqueleto”.
Ao final da residencia conta con que estea a máxima parte resolta “pero nunca se sabe”, afirma. “Os procesos ás veces quedan un pouco abertos ou hai que pechalos máis adiante. Ao mellor o día da presentación hai un temporal e tira todo para abaixo”, comenta medio en broma.
Porque o Viravento pluvial é “unha peza é interactiva, pero non coa persoa espectadora, senón coa contorna”. O seu é un convite a observar e a escoitar: o repenicar das pingas de chuvia contra a cerámica e o metal, o zunir do vento, o baile do esqueleto metálico cos seus adobíos reflectindo os raios do sol. Algo diferente cada vez que se mira, “e no que nós tamén podemos deixarnos mudar”.

Experimentar e compartir no Gaiás
Entre soldar, modelar, cocer e esmaltar, o proxecto está a levalo “a experimentar con técnicas e materiais que non estou tan acostumado, porque eu veño máis da pintura”. E aínda que sempre traballou desde un concepto expandido desta, enredando coa materialidade dos pigmentos, coa gravidade e co peso, ou introducindo tensións e equilibrios nas súas obras, agora o vulto redondo e a cerámica convértense en protagonistas.
Para Carlos Fer o valor das residencias está precisamente en permitirlle percorrer ese camiño e, no caso da Cidade da Cultura, facelo a carón de artistas tan diferentes. “Ter o espazo, ter os recursos, ter sobre todo este intercambio para debater, pensar, xogar xuntos; tamén para ver que aperturas pode ter cada proxecto, é moi enriquecedor”. Con todo, propón unha mellora de cara ao futuro: “que a residencia inclúa tamén o aloxamento, que as cousas están complicadas”.
