Los 15.000 combatientes del noroeste de la Península Ibérica en los ejércitos de Roma

Outra das historias que entretece a exposición Galicia, un relato no mundo lévanos ao antigo Imperio Romano e a como o seu exército foi o primeiro mecanismo de integración das elites guerreiras do Noroeste na cerna do Imperio.

Trala conquista, un mínimo de 15.000 combatentes lucenses, ástures e bracarenses incorporáronse a diferentes unidades do exército romano, representando preto dun 40% de todos os soldados recrutados en Hispania e loitando en todas as fronteiras do Imperio. Por exemplo, existen mencións á terceira cohorte dos bracaraugustanos, procedentes do sur de Gallaecia, en zonas tan distantes como a Xudea a Britania e, sobre todo, na provincia de Raetia, na perigosa fronteira con Xermania.

Un dos lugares onde mellor está testemuñada a presenza temperá de soldados do noroeste da península no exército romano é nos Balcáns. Xente como os irmáns Andamionius e Gavillius, soldados da primeira cohorte dos Lucenses, foron os primeiros “quintos” da nosa historia e contribuíron á incorporación de amplas rexións de Centroeuropa no Imperio romano.

Preto do campamento de Brocolitia, no Muro de Hadriano (Carrawburgh, Northumberland) atópase a fonte sagrada da deusa Coventina. Só existen mencións a esta deusa neste posto militar de Britania e en algún puntos do rural galego: Guitiriz, Santa Cruz de Loio (Lugo), e quizais Santa Eufemia de Tui (Ourense). Podería a devoción a esta deusa ter sido levada a Britania por soldados galaicos destinados na fronteira con Caledonia?

Todas estas historias están recollidas nunha infografía de gran formato, no corazón da mostra, elaborada a partir dun traballo de investigación de José Manuel Costa García, integrante do Comité científico asesor de Galicia, un relato no mundo.

Exposiciones & Intervenciones
Santiago de Compostela, 23 de Diciembre de 2019