Guía Cidade Imaxinaria del verano de 2019

Visitar o incrible circo de bechos xigantes do dr. Mezzo, converterse nunha marioneta de carne e óso controlada por dedos mecánicos, abraiarse con extraordinarios saltos, voos e viravoltas que quitan o alento ou compartir danza e risos con tres simpáticos hipopótamos azuis. Estas son só algunhas das propostas da Cidade Imaxinaria do verán no Gaiás: unha tarde de sábado en familia e ao aire libre na que a diversión está garantida polas fabulosas personaxes, espectáculos, xogos e instalacións que invadirán o Gaiás. 

A intensa programación, que se desenvolverá de 16 a 20h, rematará cunha multitudinaria coreografía grupal na que todo o público está convidado a participar e na que nos despediremos bailando nunha nube de confeti ata a Cidade Imaxinaria da vindeira primavera. Consultade a nosa guía para non perder nada destas catro horas ininterrompidas de diversión!

ESPECTÁCULOS DE PISTA

  • Hippos | Zum-Zum Teatre [Xardín do teatro: 16:00-16:30 e 17:30-18:00]. Nun mundo onde conviven de xeito cotiá animais e persoas, estes hipopótamos escollen o camiño do medio e por el bailan coas súas zapatillas brancas. A súa danza quitaravos un sorriso mentres nos fala dos estereotipos, das aparencias e da humanidade.
  • | Xampatito [Praza central: 16:15-17:15h | Xardín do teatro: 18:30-19:30h]. Un personaxe obsesivo, cuadriculado e meticuloso. Unha morea de caixas que escapan ao seu control e coas que xoga para dar forma ao seu mundo. Unha tolemia cómica na que un universo delirante xorde do caos e do riso.
  • Por que choras Marie? | Marie de Jongh [Xardín do teatro: 16.30-17.30h]. Actores e marionetas conviven nese espectáculo de enorme tenrura no que a nena Marie tolea aos adultos coas súas falcatruadas. Unha historia que debulla medos, frustración e sobre todo cariño: porque só o amor pode salvar a quen non coñeceu o amor.
  • 3 en 1 | Alas circo teatro. [Praza central: 18.45-19.45h].Tres artistas de circo, unha gran estrutura e a función debe comezar! Humor, destreza, absurdo, enxeño, acrobacias, malabares... un xogo cheo de enerxía que transita entre o individual e o colectivo de tres pezas do mesmo crebacabezas.
  • Coreografía de fin de festa | Animatium [Praza central: 19.45-20.00h]. Porque levades o ritmo nos ósos, sumádevos a esta multitudinaria coreografía coa que despediremos a tarde nunha nube de confeti xunto a todo o público da Cidade Imaxinaria. Sentirédesvos como estrelas de Bollywood!

ESPECTÁCULOS ITINERANTES

  • Palabras por un tubo | Generación Teatro [16:00-16:30h e 18:00-18:30h]. Un longo tubo de cartón, dúas persoas e un poema. E en voz moi baixiña as palabras chéganvos ao oído e ao corazón, convidándovos a xogar, a soñar, a detervos uns instantes e gozar da beleza da poesía.
  • Mezzo | Pistacatro [17:15-18:45h]. No fantástico circo de insectos xigantes do doutor Mezzo escaravellos, grilos, bolboretas e todo tipo de bechos choutan, brincan, voan e danzan. Porque un caracol pode converterse en DJ e unha araña bailar claqué. Porque todos podemos escoller como queremos ser.

DURANTE TODA A TARDE: ESPAZOS LÚDICOS PARA IMAXINAR [16 - 20h]

  • Escola de Saltimbanquis | Pistacatro. Catro espazos para deixar saír o saltimbanqui que todos levamos dentro: zona de malabares, zona acrobática, zona de aéreos e zona de equilibrios. A vosa cativada descubrirá talentos circenses nunca antes explorados!
  • O Bosque dos sentidos | Risotadas. Espazo para bebés de 0 a 3 anos. Un recuncho onde gozar dun tempo de distensión e sensacións, deseñado para fomentar o descubrimento e a experimentación sensorial a través do tacto, da vista, do son e das texturas. *Ocupación máxima: 20 bebés, sempre acompañados/as dun adulto.
  • Titeretú | Itinerània. Cinco mans xigantes mecánicas e o público como protagonista da historia. Vinde convertervos en marioneta dun titiriteiro invisible para, empregando o voso corpo como única ferramenta, resolver xogos de equilibrio, precisión e coordinación.
  • L'animalada | Katakrak. Hai obxectos que se resisten a seren desbotados no lixo así que fuxiron do seu triste destino transformándose en xogos-animais. Do montón de chatarra xorden formas, cores e preguntas: Que animal será? Como se xogará con el?
  • Xogos de circo e feira | Animatium. Catro en raia, asalto ao castelo, mariola, pesca en barrica, labirinto móbil, retos de puntería... Coa vosa destreza e habilidade habedes superar con éxito os retos que vos lanzan estes xogos tradicionais en formato xigante.
  • Obradoiros de baile | Animatium. Deixádevos contaxiar do ritmo da Cidade Imaxinaria e vinde aprender uns sinxelos pasos de baile para despois dalo todo na multitudinaria coreografía de fin de festa que teremos con todo o público asistente ao final da tarde na Praza central.

 PARA REPOR ENERXÍAS: ZONA DE RELAX E PETISCOS [16 - 20h]

En catro horas de xogo e diversión fai falta recargar as baterías! A zona de descanso da Cidade Imaxinaria agárdavos para repor enerxías entre tanta festa rachada. Ademais da oferta habitual da Cantina do Gaiás, nesta zona de relax atoparedes petiscos de aquí e de acolá, doces e salgados, como por exemplo as crepes artesás de La Mariniere; os zumes e ensaladas de froitas naturais do Fruit Truck; ademais de lambonadas e os xeados artesáns de Xearte Brigitte, entre outras opcións.

SORTEO DE CAMISOLAS DA CIDADE IMAXINARIA [18 e 19 h]

Queredes lucir unha camisola coa habilidosa equilibrista que protagoniza a ilustración do Sr. Reny para a Cidade Imaxinaria? Achegádevos ao punto de información e facédevos socios/as do Club Gaiás para participardes no sorteo de 40 camisolas coas que de seguro a vosa cativada presumirá de praia en praia este verán. Os sorteos serán ás 18 e 19 horas: estade atentos/as!

VISITAS COMENTADAS ÁS EXPOSICIÓNS DO MUSEO CENTRO GAIÁS [17.30h]

Cidade Imaxinaria é unha oportunidade única para gozar en familia do lecer, da diversión e tamén da arte. Aproveitade a xornada para coñecer as exposicións que acolle o Museo Centro Gaiás, para as que ademais contades con visitas comentadas de balde ás 17:30 horas:

ESPAZOS VERDES E DE LECER

Aproveita esta visita á Cidade da Cultura para a descuberta das zonas verdes do complexo -como o Bosque de Galicia, un dos pulmóns verdes de Compostela; o parque do Lago, ou o Xardín Literario e o Xardín do Teatro, que tamén acollerá parte dos espectáculos desta xornada festiva- e para coñecer a zona de xogo do Parque da Balea -inspirado nos monstros mariños de Urbano Lugrís-.

COMO CHEGAR Á CIDADE IMAXINARIA?

O acceso á Cidade da Cultura poderá facerse en vehículo privado, ata completar os 6 parkings dos que dispón o complexo. Desde a Cidade da Cultura tamén convidamos a subir ao Gaiás a pé a través da rede de sendeiros do Bosque de Galicia. Ademais, poderase acceder en autobús, que contará con reforzo das liñas e frecuencias habituais:

Servizo de reforzo de autobús urbano Praza de Galicia-Gaiás na tarde do 27 de abril:

  • Saídas desde a Praza de Galicia á Cidade da Cultura: 14.20, 15.00, 15.40, 16.20, 17.00, 17.40, 18.20, 19.00, 19.40, 20.20, 21.00.
  • Saídas desde a Cidade da Cultura a Praza de Galicia: 14.00, 14.40, 15.20, 16.00, 16.40, 17.20, 18.00, 18.40, 19.20, 20.00, 20.40, 21.20.

Outras liñas:

Máis información pinchando aquí [web de TUSSA]

En familia
Santiago de Compostela, 19 de Agosto de 2019
Santiago de Compostela, 24 de Agosto de 2019