8 mujeres de 'Galicia, un relato no mundo' para conmemorar el #8M

Con motivo do Día da Muller e da man das visitas comentadas á exposición Galicia, un relato no mundo, desde o domingo 8 de marzo ata o venres 13 estamos a percorrer a historia galega a través das súas mulleres. Hoxe queremos presentarvos algunhas delas: #8mulleressenlleiras para conmemorar o #8M.

1. Comezamos cunha escultura de deidade feminina, localizada no castro de San Cibrán de Las e considerada unha das representacións da muller máis antigas da plástica galega que nos teñen chegado ata o momento.

2. Continuamos a viaxe da man da peregrina Exeria, aristócrata galaicorromana que a finais do s.IV emprendeu camiño a terra Santa, deixando un diario como testemuña e converténdose na primeira escritora coñecida da Península.

3. A raíña Urraca, gobernante da Galicia, foi a gran introdutora do monacato de Cluny, que rematou coas antigas tradicións monásticas de Galicia. As novas ordes, dependentes da Borgoña, transformaron radicalmente a nosa paisaxe agraria. 

4. Nada en Valga, filla de nai solteira e vítima dunha violación sendo unha nena, Carolina -a Bela- Otero deixou atrás este brutal pasado e converteuse nun dos emblemas do París da Belle Époque e bailarina de sona mundial. 

5. A xornalista Sofía Casanova cubriu como correspondente de guerra a I Guerra Mundial para o xornal ABC. Foi testemuña da Revolución Rusa, a caída da dinastía Romanov e ata entrevistou a León Trotsky.

6. Queremos deternos tamén na figura de Maruxa Boga, voz radiofónica da emigración galega na Arxentina, con 39 anos ininterrompidos en emisión dun programa polo que pasaron nomes como Castelao ou Blanco Amor. 

7. Son moitas as galegas que están a liderar e destacar en ámbitos profesionais como a ciencia, as artes ou a tecnoloxía. É o caso de Elena Ferro, Premio Nacional de Artesanía en 2019 por un traballo que reinventa os zocos tradicionais.

8. Temos que rematar este fío de #8MulleresSenlleiras de Galicia, un relato no mundo coa provocadora Santa de Asorey, que rachou as convencións estéticas e sociais, escandalizou unha raíña e converteu unha labrega espida levando un xugo nunha das obras máis relevantes da arte galega.

Lembrade que podedes vir coñecer as súas historias de primeira man nas visitas comentadas especiais á exposición con motivo do #8M: domingo 8 ao venres 13 de marzo!!

Exposiciones & Intervenciones
Santiago de Compostela, 10 de Marzo de 2020