Gaiás & CDG | Serva me, servabo te

A Cidade da Cultura de Galicia converteuse durante esta semana en espazo de ensaio da nova produción do Centro Dramático Galego ( CDG - Salón Teatro) da Axencia galega de Industrias Culturais (Agadic)
.
«Serva me, servabo te» («Apóiame, apóiote») con dirección artística de Pálido Domingo estrearase na primavera de 2021 e para o Museo Gaiás (escenario, pulo e escaparate de diversas disciplinas artísticas) supuxo unha privilexiada experiencia ser testemuña dos primeiros pasos dunha peza que fala dos afectos e do colectivo. Do agarrarse forte das mans ante o adverso. Do soster o corpo que permanece a carón como se fose o teu. Todas reflexións urxentes para estes tempos.
 
Devecemos por vela conclusa, pola estrea e por ese sempre ilusionante erguer o pano!
 

Ficha artística

DIRECCIÓN E DRAMATURXIA: Fran Martínez, Belén Bouzas e Diego M. Buceta (Pálido Domingo)
ELENCO: Olga Cameselle, Cris Vilariño, María Llanderas, Raquel Crespo, Bal Castro, Fran Martínez, Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Laura Iturralde
ESCENOGRAFÍA/ESPAZO ESCÉNICO:Laura Iturralde e Carmen Triñanes
VESTIARIO: Xoel Álvarez
ILUMINACIÓN E VIDEOCREACIÓN: Laura Iturralde
DIRECCIÓN MUSICAL: Xavier Bértolo

Pálido domingo

Belén Bouzas, Fran Martínez, Diego M. Buceta e Laura Iturralde forman o colectivo de creación de artes do corpo, Pálido Domingo, que teñen como obxectivo principal afondar na linguaxe do corpo a partir da investigación nas técnicas interpretativas de adestramento físico ligadas ao Aikido, a danza contemporánea e o teatro físico.

Basean a súa actividade en dúas liñas de traballo fundamentais: a artística, por medio da creación e distribución de espectáculos no ámbito da creación contemporánea, e a pedagóxica, impartindo cursos destinados á formación de creadoras e creadores ligados á danza, ao teatro e ás artes do movemento.

Non hai que ser una casa para ter pantasmas  foi so seu primeiro traballo como colectivo, recoñecido co 1º premio Xuventude Crea 2017, co Premio da Crítica no Certame Coreográfico de Madrid 2018 e co 2º Premio no Certame DanzaXtrema 2019.

Pentecostés  foi a súa segunda peza, estreada en xaneiro de 2020 no teatro Ensalle de Vigo e presentado no festival Escenas do cambio 2020, da Cidade da Cultura de Galicia.

Música & Escena
Santiago de Compostela, 21 de Noviembre de 2020