Santa, a emblemática escultura realizada por Francisco Asorey en 1926, exhíbese no andar principal do Museo Centro Gaiás tras o seu regreso definitivo a Galicia tras máis de sete décadas en Montevideo.
A Santa de Asorey é unha das pezas máis relevantes da escultura galega do século XX, ademais dun ben cultural fundamental da memoria artística e da emigración galega. O seu regreso a Galicia prodúcese en 2026, cando se cumpren 100 anos desde que Asorey a presentase na Exposición Nacional de Bellas Artes en Madrid, provocando un intenso debate artístico e social. Realizada en madeira policromada e de case dous metros de altura, a escultura causou gran sorpresa pola súa representación dunha labrega galega cun corpo espido marcado polo duro traballo –nunha imaxe moi afastada da figura feminina idealizada que predominaba na arte de principios do século XX– e portando ademais un xugo de vacas, o que potencia a mensaxe de traballo e sometemento.
A obra orixinou un amplo debate, dando lugar a discusións arredor da representación do corpo da muller e tamén ao fío da lectura política da obra, que se asociou aos esforzos da muller labrega pero tamén se entendeu como un símbolo da situación da Galicia da época. Santa sería cualificada na prensa da época como “dun realismo cru, brutal”; “dunha orixinalidade, atrevemento e beleza que só un artista de excepcionais facultades pode concibir e executar”, ou “a obra máis orixinal, máis dotada de virtualidade estética e de resistente valía que hai na Exposición Nacional”.
Malia que Asorey levaría a primeira medalla daquela Exposición Nacional con outra grande obra, San Francisco, anos despois —nunha entrevista á prensa en 1956—, o escultor cambadés definiría a Santa como a escultura da que se atopaba “máis satisfeito”.
Regreso da Santa a Galicia
Considerada unha das obras clave para comprender a traxectoria de Asorey, e un símbolo da modernización artística e cultural de Galicia no primeiro terzo do século pasado, a Santa foi adquirida en 1951 pola colectividade galega emigrante en Montevideo, converténdose tamén nun símbolo da memoria da emigración galega no Uruguai.
A obra regresou temporalmente a Santiago de Compostela en 2019 con motivo da exposición Galicia, un relato no mundo, que se exhibiu na Cidade da Cultura e posteriormente o Goberno galego impulsou a súa adquisición no marco do proceso concursal da Casa de Galicia en Montevideo.
Actualmente, pode visitarse no andar principal do Museo Centro Gaiás en diálogo directo con outras emblemáticas obras: o mural de Urbano Lugrís Translación do corpo do Apóstolo a Santiago ou o realizado por Luís Seoane na década dos 70 para a fábrica de Porcelanas da Magdalena, que el mesmo fundara na Arxentina.
