Bravura y retranca frente al turismo de masas | Escenas do cambio

[Vista del jardín de la Villa. Autoría: Los Bravú]

Os incontables selfies, a uniformación da vestimenta e dos complementos tecnolóxicos, a procura dos mesmos espazos para fotografar e incluso a repetición de xestos. Son comportamentos estereotipados que secundamos en masa cando facemos turismo e que nos fai cómplices desa proliferación de 'cidades-museo' e desa transformación en 'mausoleo cultural' das urbes históricas, contribuíndo a momificalas no esplendor do pasado. 

De todo isto nos alerta a peza Caderno de vacaciónsa primeira incursión na disciplina escénica de Los Bravú, parella artística formada por Dea Gómez (Salamanca, 1989) e Diego Omil (Pontevedra, 1988), que aceptaron o reto-convite lanzado polo director artístico do Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura, Pablo Fidalgo, para atreverse en Escena do cambio 2020 a abandonar a súa zona de confort creativa (a arte plástica) e dar o salto á escena. Fano o 1 de febreiro cun triple mortal, tamén coñecido como estrea absoluta, combinando: retranca, danza contemporánea e música electrónica co obxecto de crear unha peza "sensitiva, próxima ao esperpento para alertar dese consumo cultural repetitivo, monótono e baseado no automatismo que repetimos todos cando no convertemos en turistas", admite e advirte Diego Omil. 

Caderno de vacacións supón coñecer unha faciana nova de
Los Bravú, tamén creativa, na que depuran cara ao minimalismo a súa obra plástica, que poderá verse nos dous grandes telóns da escenografía da montaxe. No entanto, será recoñecida nesta "experimentación con outras disciplinas" a súa bravura e ironía e o seu gusto tan característico polo contrastes: un elenco de bailaríns de formación clásica nunha peza de danza contemporánea e un compositor do mundo da publicidade e dos videoxogos, como é Elias Fraguas, como autor da banda sonora dunha peza artística. Promete, como todo o desta parella artística.

[ Caderno de vacacións pode verse o 1 de febreiro no Museo Centro Gaiás ás 19 horas]

[Programación e entradas en www.escenasdocambio.org ]

 


Música & Escena
Santiago de Compostela, 21 de Enero de 2020