Xa está aquí o festival Cidade Imaxinaria e fabulosas personaxes volven encher de maxia a Cidade da Cultura! Viaxa connosco a mundos incribles nunha tarde de sábado chea de fantasía, circo, teatro, música e xogos ao aire libre, de balde e para toda a familia.
Visita o incrible circo de bechos xigantes do dr. Mezzo, convértete nunha marioneta controlada por dedos mecánicos, abráiate con cambadelas e acrobacias que quitan o alento, emociónate con máxicas historias e palabras das que chegan ao corazón...
Agardámoste con catro horas ininterrompidas de diversión para unha tarde de verán que remataremos bailando contigo nunha espectacular coreografía grupal na que todo o público está convidado a participar!
Por suposto non faltarán os xa tradicionais xogos de enxeño e Escola de Saltimbanquis da Cidade Imaxinaria, ademais dun espazo pensado para bebés de 0 a 3 anos, con xogos e estímulos sensoriais. Contaremos tamén cunha animada zona de descanso con postos de bebidas e petiscos variados, doces e salgados, onde repor forzas entre tanta festa rachada.
Lembra! O sábado 24 de agosto ven abraiarte no mundo de fantasía da Cidade Imaxinaria, onde os soños se converten en realidade cunha viravolta e o imposible non existe.
Espectáculos de pista
- Só | Xampatito
- Hippos | Zum-Zum Teatre
- Por que choras Marie? | Marie de Jongh
- 3 en 1 | Alas circo teatro
- Baile final
Espectáculos itinerantes
- Mezzo | Pistacatro
- Palabras por un tubo | Generación Teatro
Espazos lúdicos para imaxinar
- Escola de Saltimbanquis | Pistacatro
- Titeretú | Itinerània
- Xogos de circo e feira | Animatium
- L'animalada | Katakrak
- O Bosque dos sentidos | Risotadas
- Obradoiros de baile para participar no baile final da Cidade Imaxinaria
Ilustración Cidade Imaxinaria do Verán 2019: Sr.Reny
